Skip to main content
A Fonsagrada

O Butelo de Ouro recoñece a traxectoria dos produtores que participaron na feira da Fonsagrada

Por 4 Febreiro, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo xunto ao alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece os produtores que participaron na feira ao longo da súa historia. “É un acto de xustiza”, valorou o mandatario provincial, que recoñeceu o valor deste colectivo.

“Son os verdadeiros protagonistas dunha andaina que comezou alá polo ano 1998. Sen eles, esta feira non tería chegado ata aquí”, destacou Tomé, sumándose ao “recoñecemento do seu labor, da súa dedicación, porque todo o que fixeron pola Feira do Butelo e pola Fonsagrada, fixérono tamén pola provincia de Lugo”. Puxo o seu o traballo como exemplo do “enorme” potencial do rural, “da capacidade para innovar e para xerar riqueza en torno a un produto tradicional cunha feira que foi declarada de interese turístico de Galicia en apenas un cuarto de século de existencia”, salientou.

Pola súa parte, Pedro Blanco loou a calidade gastronómica do butelo nunha nova edición da feira que lle dá nome e que se celebrou un ano máis na Fonsagrada, sinalando que este produto emblema actúa como revulsivo económico e reclamo turístico dun rural vivo e con futuro. Ademais, recalcou “todo o esforzo realizado para crear este feira e, sobre todo, mantela no tempo cun produto da terra que o propio Forges, artífice do cartaz desta edición, acuñou como o rei da montaña”.

A Fonsagrada, exemplo para Galicia

O delegado fixo gala da calidade gastronómica da feira e convidou a que “o butelo estea en cada cocido de Galicia nestas festas do entroido, un produto único que foi transmitido de xeración en xeración”. Ademais, afirmou que o concello da Fonsagrada segue sendo un exemplo para Galicia e para España, “un lugar para visitar, para comer, para percorrer, para admirar, pero tamén para vivir e prosperar”.

Tomé aproveitou a ocasión para destacar as idea e a capacidade de traballo do rural. “Temos ideas, temos proxectos, temos capacidade de traballo, temos propostas de futuro e temos vontade de innovar. O que precisamos é que as administracións públicas –todas as administracións– apoien esas ideas, eses proxectos, esa capacidade, que sexan activas e dinamizadoras, como fan os premiados que hoxe recoñece o Concello da Fonsagrada con este Butelo de Ouro”, asegurou Tomé. Nese sentido, incidiu en que o rural “non vive de titulares baleiros nin de promesas que nunca se converten en realidade. O rural necesita feitos, necesita servizos públicos de calidade e emprego”.