Skip to main content
Lugo

“O obxectivo da asociación é manter aos veciños unidos”

Por 4 Febreiro, 2024Febreiro 5th, 2024Sin comentarios

A Asociación de San Xoán de Tirimol conta con máis de cen veciños

Jesús Martínez Arias, vicepresidente acércanos un pouco a esta asociación veciñal. 

Cal é o ano de fundación?

A Asociación de veciños, cultural deportiva de San Xoán de Tirimol foi fundada hai trinta e tres anos, no 1990. Actualmente conta cun número de socios que oscila entre os 150 e os 160.

Que actividades habituais realizan?

Dende a asociación organizamos as festas patronais, o Entroido, tamén o Rosario cunha comida veciñal e na actualidade nada máis. Antes contabamos cun equipo de fútbol, pero cada vez temos menos axudas e iso permite facer menos cousas.

Realizan outras actividades?

Si, antes tamén se realizaban obradoiros para os veciños e este ano tiñamos pensar volver facelos.

Cal é o obxectivo ou finalidade da asociación?

Somos un pobo grande con varios núcleos, como Bagueixos, Ramil, Seivane, Pedrouzón ou A Brea; son como barrios e estamos moi espallados. Hai máis de cen casas e o noventa e cinco por cento dos veciños forman parte da asociación entón o obxectivo é manter a todos os veciños unidos.

Quen forma parte da xunta directiva?

A presidenta é Mari Carmen Castro Revolo, o vicepresidente son eu, Jesús Martínez Arias, secretario José Manuel Castro Gay, tesoureiro Pablo Cancela Núñez e dous vocais, Noelia López Rois e Manuel Chousa Maciñeira.

Que proxectos de futuro teñen?

A nosa intención é comezar a facer cousas para os nenos. Hoxe en día hai moitos nenos en Tirimol. Para isto estamos intentando arranxar as instalacións e crear fóra un espazo cuberto para que os máis pequenos podan xogar. Este ano pola festa do patrón fixemos o domingo unha tarde de xogos e non contabamos nin coa terceira parte de rapaces que viñeron. E tamén queremos facer algo para a xente maior como talleres de memoria, para que podan ter algunha actividade enfocada a eles.

Como se sosteñen economicamente?

Actualmente temos unha cota mínima que nos axuda a sufragar os gastos do local como a contribución, luz e os seguros. Este ano si que recibimos unha subvención para arranxar un dos locais pero había moitos anos que non nos concedían nada, entón precisamos das cotas para poder facer fronte a eses gastos fixos.

Que necesidades teñen?

Pois gustaríanos crear ese espazo cuberto no exterior, para poder realizar actividades fora do local.