Skip to main content
Lugo

O Concello pon a disposición de ADIF os terreos de titularidade municipal para a intermodal

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou este xoves que o Concello xa puxo ao disposición de ADIF os terreos de titularidade municipal necesarios para executar o proxecto da nova estación intermodal lucense. Trátase de dúas parcelas, unha de 200,19 e outra de 464,60 metros cadrados, que se atopan nas inmediacións da actual estación de tren e que resultan imprescindibles para acometer a completa reurbanización da contorna que vai aparellada á construción desta nova infraestrutura.

“Con esta cesión reafirmamos o noso firme compromiso por este proxecto, polo que desde o Goberno local vense loitando con insistencia. A nova intermodal está chamada a transformar a nosa competitividade territorial ao conectar Lugo coa alta velocidade”. Segundo Alvarellos, a súa disposición pasa por unha “total colaboración co resto de administracións implicadas. Estamos convencidos de que a mellora das nosas comunicacións é un factor determinante para poder expandir o noso tecido produtivo e fixar poboación”.

O desenvolvemento da área intermodal inclúe a construción dun novo paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria. O orzamento desta intervención ascende a 11,6 millóns de euros e será financiado nun 60 % por ADIF e nun 40 % polo Concello. “Esta colaboración entre o Concello e o ente Administrador de Infraestruturas posibilitará transformar esta contorna permitíndonos comunicar os barrios de Paradai e Sagrado Corazón, rompendo así co illamento ao que o actual trazado da vía somete historicamente a estas dúas zonas residenciais da nosa cidade”, proseguiu a rexedora.

Ademais, este mércores a alcaldesa asistiu á primeira reunión da comisión de seguimento constituída para o desenvolvemento desta dotación, na que tamén participaron o interventor municipal e a responsable de servizo de Arquitectura así como técnicos de ADIF e da Xunta. Durante o encontro, acordouse a creación posterior de varias subcomisións técnicas para coordinar o desenvolvemento das obras.

“A comisión serviu ademais para que as tres administracións puidésemos visualizar en conxunto o proxecto definitivo no que, estamos moi satisfeitos, tivéronse en conta as recomendacións e criterios trasladados polo Servizo de Arquitectura municipal en canto ao urbanismo sostible e de xénero, inspirados na estratexia Life, de maneira que  alí onde foi posible utilizouse a madeira como elemento estrutural dándolle continuidade ao noso proxecto de cidade”, concluíu Alvarellos.