Skip to main content
Lugo

Un proxecto do Campus Terra estuda o uso de fungos para desenvolver produtos cosméticos

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

O proxecto europeo Interreg Atlantic Area BEAP-MAR, participado polo Campus Terra da USC, céntrase no estudo de recursos mariños, tales como microalgas, macroalgas, fungos e mesmo esponxas, a fin de avaliar o seu potencial emprego para desenvolver novos produtos con alto valor engadido nos ámbitos da cosmética, alimentación e mesmo no plano da farmacoloxía.

Así o indicou o catedrático da área de Farmacoloxía da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e coordinador deste programa europeo, Luis M. Botana, nunha sesión científica na que participaron na Facultade de Veterinaria da sede universitaria luguesa e representantes das universidades de Galway (Irlanda) e do Algarve (Portugal). No encontro tamén estiveron presentes os centros superiores de investigación Politécnico de Leiria (Portugal) e o Commissariat a l’Énergie Atomique et Énergies Alternatives (Francia).

A French Agency for Food, Environmental and Occupational Health & Safety (Francia) e o centro de innovación empresarial WestBIC (Irlanda) completan, xunto coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro, os socios integrados no consorcio do proxecto BEAP-MAR, que, entre outros, conta como participantes asociados coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Universidade da Cidade de París, asociacións empresariais de Portugal ou mesmo a rede europea de innovación agroalimentaria Valorial.

Financiamento de 2,2 millóns de euros

A iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, financiados nun 75 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxas actividades se prolongarán ata decembro de 2026, dá continuidade á xa dilatada traxectoria investigadora desenvolvida polo grupo Farmatox do Campus Terra da USC, que conta no seu haber con máis de 25 patentes rexistradas.

Botana explicou asemade que BEAP-MAR é un proxecto máis ambicioso, aínda que complementario do programa COMBO, outra iniciativa de I+D+i orientada a pescudar e desenvolver métodos eficaces para cultivar produtos mariños en terra que está incluída e financiada polo programa marco de investigación da UE Horizonte Europa. Neste proxecto, o grupo Farmatox da USC colabora universidades e centros de investigación de Europa (Irlanda, España, Dinamarca, Holanda e Francia), Sudáfrica e Estados Unidos, sinalou.

Cooperación internacional

O catedrático da área de Farmacoloxía da USC salientou a relevancia do financiamento europeo achegado a través de programas como Interreg para avanzar en liñas de investigación como as concretadas no proxecto BEAP-MAR, que busca ampliar o coñecemento e a comprensión de recursos mariños, a fin de optimizar o seu emprego e, de ser caso, crear novas substancias e produtos que resulten útiles para a innovación industrial.

A cooperación internacional que implican este tipo de proxectos internacionais supón, en opinión de Luis M. Botana, un compoñente esencial para favorecer a transmisión de coñecementos e o potencial da Bioeconomía Azul no espazo atlántico, o que, dalgunha forma tamén se traducirá na implementación de boas práctica nas distintas rexións e na posta en marcha de novos procesos e modelos de negocio a gran escala.