Skip to main content
Lugo

A Xunta “evade” a proposta do Concello de ceder máis metros para o centro de saúde no Sagrado Corazón

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Alcaldía de Lugo vén de recibir unha carta da Xunta de Galicia na que o ente autonómico “evade aceptar a proposta municipal de cesión de máis metros cadrados” dos 1.534 necesarios para edificar o novo centro de Atención Primaria de Sagrado Corazón conseguida polo Concello para esta fin, así o trasladan dende o Goberno local.

O ofrecemento por parte da alcaldesa Paula Alvarellos de ceder máis terreo nesta localización, na que dispón de 5.764 metros cadrados, respondía ás peticións da veciñanza da contorna que considerou axeitado o momento para abordar, en simultáneo, a construción doutros equipamentos públicos de ámbito autonómico necesarios para mellorar a cohesión social dos barrios do Sagrado Corazón, As Gándaras e A Campiña.

Na mesma misiva, o Goberno galego, instaba ao Concello a manter un encontro de carácter técnico para determinar as necesidades de solo concretas que precisa a dotación sanitaria. Trátase dunha petición que, segundo trasladan dende o Goberno local, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, atendeu de xeito inmediato propoñendo unha data para levar a cabo o encontro a vindeira semana.