Skip to main content
Lugo

O convenio entre a empresa concesionaria do lixo en Lugo e USO consolida a perda salarial, según a CIG

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

A CIG amosa o seu rexeitamento ao acordo de convenio colectivo asinado entre a empresa EcoLugo (concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Lugo) e USO por non responden ás demandas sociais, impedir a recuperación do poder adquisitivo e non avanzar en materias como a xornada ou o traballo en festivos.

EcoLugo entrou no servizo en agosto de 2022 e as negociacións para o novo convenio colectivo comezaron a principios do ano pasado, mais durante todo este tempo “foi imposíbel avanzar nun acordo polas cativas propostas patronais e as pretensións de recortar dereitos xa recoñecidos”, aseguran. Neste contexto, a representación da USO no comité solicitou unha mediación e o pasado xoves tivo lugar a primeira e única xuntanza, pois “de maneira inconcibible USO foi cedendo nas demandas sociais até asumir as propostas da empresa e pechar un preacordo de convenio”.

A CIG rexeita os termos deste acordo por canto consolida a forte perda do poder adquisitivo sufrida polo persoal dende o ano 2018. “Hai que subliñar que a central nacionalista non asinou o último convenio porque, entre outras cuestións, supuxo a conxelación salarial para os anos 2018-2019-2020 e 2021, xa que os incrementos estaban vinculados á nova concesión”.

Catro anos de salarios conxelados

Cando EcoLugo colleu o servizo procedeu a actualizar as táboas salariais que se asinaran, pero aseguran que o fixo sen aplicar ningunha revisión que permitira compensar a perda da capacidade adquisitiva acumulada nos catro anos previos. Deste xeito, “as miserables subas pactadas neste convenio (con vixencia 2022-2024) consolidan este deterioro salarial”. Ademais, sosteñen que para 2022 establécese unha paga única de 300 euros non consolidables e para o ano 2023 o incremento será do 1 % e unha paga non consolidábel de 350 euros, e para 2024 páctase unha suba do 1,15 % e unha paga non consolidable tamén de 350 euros.

“Estes incrementos resultan totalmente insuficientes e ademais non se contempla ningún tipo de cláusula de revisión que garanta, cando menos, o mantemento da capacidade adquisitiva para os traballadores e traballadoras a futuro”, defenden. Ao que se suma a gravidade “de que os delegados da USO se comprometeran a recuperar os atrasos dos catro anos convencendo o persoal para que demandara o Concello”. Por outra banda, denuncian que tampouco se recolle ningunha mellora na xornada laboral que permita establecer tres grupos de libranzas, nin para que a prestación de servizos en domingos e festivos teña carácter realmente voluntario.

Desta negociación, destacan que se acordou que o persoal con contrato fixo-descontinuo pasara a xornada completa, “mellora que a CIG viña demandando e que se asumiu na liña do reclamado pola central nacionalista”. Tamén se acordou que aos peóns que estaban a realizar cometidos que correspondían a outra categoría profesional se lles recoñecera dita categoría.

Sobre isto último, aínda que a representación da CIG comparte o fondo da cuestión, subliñan que, tendo en conta que este persoal xa teñen acreditado o seu dereito a reclamar a categoría profesional, esta débese facer por outros medios, posto que “deste xeito non se condicionaría a certas cesións que afectan a todo o cadro de persoal e ademais, segundo o acordado, perden o dereito de reclamar as diferenzas económicas de até un ano para atrás”.