Skip to main content
Lugo

O Campus Terra avalía o uso de auga rexenerada en cultivos

Por 12 Febreiro, 2024Febreiro 13th, 2024Sin comentarios

Segundo estiman, o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10 % dos recursos hídricos dedicados na actualidade

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC avalía o uso de auga rexenerada en cultivos de regadío do espazo Sudoe, tal e como se denomina a rexión formada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia, ao abeiro do proxecto I-ReWater. Esta iniciativa europea conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, financiados nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e está promovida por un consorcio internacional formado por 16 socios, cos que colaboran outras 39 entidades asociadas.

O obxectivo de ‘I-ReWater. Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe’, un proxecto que bota a andar o vindeiro 19 de febreiro na EPSE e cuxas pescudas se prolongarán durante os próximos tres anos, pasa por avanzar na preservación dos recursos hídricos e na optimización dos seus usos, a fin de favorecer a adaptación ao cambio climático e minimizar os seus efectos, segundo indica Javier J. Cancela Barrio, profesor e investigador do grupo PROePLA da USC que lidera este programa.

Aforro do 10 % dos recursos hídricos

As posibilidades que se abren ao amparo desta nova investigación son múltiples, xa que, segundo estiman, o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10 % dos recursos hídricos dedicados na actualidade a tal fin, lembra Cancela. Esta redución no consumo de auga de rega permitiría destinar a outros usos os recursos hídricos extraídos de pozos e canles fluviais, engade o investigador na EPS de Enxeñaría, que tamén salienta as vantaxes que reporta para as terras de cultivo o emprego de auga rexenerada, dado que está enriquecida en nitróxeno e fósforo, ademais doutros compoñentes con propiedades fertilizantes.

O plan de traballo contempla desenvolver no trienio 2024-2026 un total de 15 proxectos pilotos en diferentes localizacións, a fin de comprobar os efectos do aproveitamento de auga rexenerada parcelas de agricultura de rega con 13 cultivos leñosos e dous hortícolas. Alén destas accións de I+D aplicadas ao territorio, o persoal científico e técnico implicado neste proxecto analizará o estado actual dos recursos hídricos no espazo Sudoe e avaliará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade dos cultivos para favorecer a resilencia e a seguridade das augas.

Réplicas en territorios

Os resultados das distintas accións parciais desenvolvidas permitirán unha posterior estratexia de actuación a nivel internacional que servirá para definir as distintas etapas a seguir no progresivo proceso de incorporación das augas rexeneradas ao conxunto de recursos hídricos dispoñibles destinados a regadío. Daquela, este proxecto posibilitará desenvolver ferramentas para a mellora de toma de decisións, a través da integración de modelos e aplicacións xa existentes na actualidade.

Alén de coordinar o proxecto I-ReWater, a USC tamén liderará a creación dun polo sobre o uso de auga rexenerada que se presentará en Madrid a finais de novembro de 2026, ao tempo que analizará o ciclo de vida das accións piloto nas que se empregue auga rexenerada para o regadío e contribuirá a desenvolver unha plataforma de sensores de baixo custe para optimizar o control e o seguimento da rega nestas experiencias de campo.

O persoal investigador da USC xestionará asemade de xeito directo dous dos proxectos piloto incluídos entre as accións previstas en ‘I-ReWater’, tal e como son as acción proxectadas en parcelas comerciais de lúpulo localizadas en Abegondo (A Coruña) e Villanueva de Carrizo (León). A empresa GESTAGUA, beneficiaria do proxecto, será a encargada de proveer auga rexenerada para a rega, co que se garante o cumprimento dos parámetros de calidade da auga, acorde coa normativa en vigor.