Skip to main content
Lugo

Besteiro comprométese a mellorar os polígonos do Ceao e das Gándaras e a desbloquear a praia fluvial

Por 6 Febreiro, 2024Sin comentarios

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, prometeu “non fallarlle a Lugo” cando lidere o próximo Goberno de Galicia. Ao mesmo tempo reafirmou o seu compromiso por reindustrializar a cidade a través dun ambicioso proxecto económico, que tamén contribúa a facer de Galicia unha “locomotora” e permita superar o papel de “furgón de cola” no que a ten sumido quince anos sen política industrial na Xunta.

Afirmou que o proxecto socialista aposta por “máis emprego, máis dereitos e mellores salarios” para reverter quince anos dun PP que “como se demostrou no debate de onte xa non ten nada que ofrecerlle á cidadanía”. Así llo trasladou a máis de 80 empresarios e emprendedores de Lugo nun almorzo no que destacou a “ambición de país do PSdeG” e a “necesidade de fortalecer as relacións co Goberno central para atraer investimento á provincia fronte un Rueda que se dedica a confrontar e pór paus nas rodas”.

No encontro, que contou coa participación da número dous pola provincia, Lara Méndez, constatou que en Lugo “temos o claro exemplo do desleixo de Rueda e Feijóo onde, sen ter as competencias de emprego, formación e industria, é o Concello o que ten que articular estas políticas só con recursos propios desde hai anos”, dixo o candidato socialista. Besteiro fixo fincapé no seu compromiso de impulsar proxecto económico e industrial “que reverta quince anos de tempo perdido pola desidia do PP”, dirixido a crear un ecosistema económico conformado pola enerxía, a rede laboral e un tecido empresarial forte no que a administración exerza como “garante” e “nunca como obstáculo ou rémora”.

Propostas para Lugo

O candidato socialista comprometeuse co sector da construción sostible para que Lugo sexa o referente en España. Tamén avanzou o seu apoio ao Fondo Lugo Transforma para seguir atraendo empresas ao municipio e adiantou que se retomará a Mesa pola Diversificación Industrial coa que atraer talento e servizos de alto valor engadido baseados na bioeconomía.

Mellorará as infraestruturas dos polígonos industriais do Ceao e das Gándaras, incluídas as súas conexións. Desbloqueará a praia fluvial e o Museo da Romanización no Cuartel De San Fernando, o que ampliará a oferta turística da cidade. E seguirá impulsando co Goberno central as autovías a Lugo e as grandes infraestruturas ferroviarias coa modernización do trazado da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, que permitirá achegar a alta velocidade a Lugo.

Besteiro explicou que “Lugo é a demostración de que son os Concellos liderados polos socialistas -e sen apoio da Xunta- os que están a transformar as cidades porque son os únicos que teñen as ideas claras cara onde camiña o seu futuro”. “Se a Xunta en vez de frear”, engadiu, “se suma e aporta, e toma a iniciativa nas materias que son da súa competencia os e as lucenses, e os e as galegas terían sen dúbida, un futuro mellor”. Porén, comprometeuse a liderar un Goberno a partir do día 18 “no que a Xunta será unha aliada dos Concellos e das cidades, traballando man a man co Goberno central para que Galicia creza a un maior ritmo e poida, ademais, aproveitar mellor os fondos europeos que están a transformar o noso país”.