Skip to main content
Lugo

A música, o cine, o teatro, a fotografía e as letras protagonizan a nova oferta do ciclo Lugo Cultural

Por 6 Febreiro, 2024Sin comentarios

Dende o mes de febreiro e ata o mes de decembro, case 40 actividades incrementarán a oferta cultural da cidade. Esta nova edición do ciclo Lugo Cultural contará con numerosas actividades que incluirán distintas ramas culturais como son a música, o cine, o teatro, a fotografía, a danza, as letras ou o videoarte, con epicentro en Lugo. Un programa que, segundo Maite Ferreiro, “ademais de xerar un impacto social e económico, tamén desempeñan un papel crucial na educación, estimulando a creatividade e o pensamento crítico dende a infancia e a xuventude”.

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, acudiu este martes ao acto de presentación das novas actividades do ciclo, que se incorpora á programación cultural de Lugo para os vindeiros meses. Ferreiro quixo facer referencia ao aniversario desta proposta, que este ano chega aos 30 anos de “creación, experimentación e compromiso coa cultura, ademais de aposta pola formación e unión entre a comunidade universitaria e as institucións”, insistiu a concelleira.

Maite Ferreiro destacou a importancia de que as institucións de Lugo, Concello e Deputación,  se unan para apoiar proxectos deste tipo, o que “permite fortalecer a rede dunha cidade en auxe cultural, xerando un impacto máis significativo e sostible en termos de desenvolvemento cultural, social e turístico”, explicou Ferreiro. A concelleira tampouco quixo esquecer a capacidade da cultura de fomentar a cohesión cultural e de mellorar “a calidade de vida das e dos lucenses, xa que proporciona opcións de entretemento variadas e significativas”, rematou Ferreiro.