Skip to main content
Lugo

Paula Alvarellos mellorará a cidade de Lugo a través da arte urbana

Por 6 Febreiro, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo un encontro este luns co artista Manuel Pallín, autor do mural Copora, terceiro clasificado ma clasificación mundial Street Art Cities en 2023. A rexedora felicitou ao muralista da Castrexa polo seu logro ao tempo que destacou a importancia que esta distinción ten para Lugo desde o punto de vista promocional. “A aposta pola arte urbana impulsada por este Goberno a través do proxecto Urban Cores Atlánticas reflíctese na mellora dunha contorna de gran valor patrimonial que ademais sitúa a Lugo no mapa”. Para Alvarellos, o recoñecemento converte á cidade “no único espazo a nivel internacional que conta con dúas obras premiadas coa distinción de mellor mural do mundo (Julio Cesar, 2021) e terceiro mellor mural do mundo (Copora, 2023)”.

Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor a arte urbana como instrumento de rexeneración dos espazos públicos. “Esta disciplina está a cobrar un valor crucial no proceso de recuperación de determinadas zonas da nosa cidade como demostran estes proxectos, pero tamén outros, como a iniciativa levada a cabo na rúa do Esquecemento, onde algúns dos mellores artistas participaron na súa posta en valor, ou nas Casas Sindicais, onde se levou a cabo un traballo que mudou a faciana do barrio. A arte urbana é unha ferramenta estratéxica no proceso de rexeneración urbana que estamos a executar na cidade”, afirmou.

Ademais, agradeceu a implicación de Manuel Pallín nesta liña de actuación e reforzou o seu compromiso por seguir traballando para mellorar a cidade a través da arte urbana con futuros proxectos. “Imos a seguir promovendo este tipo de obras. É preciso resaltar a súa importancia social xa que fomenta a expresión creativa, transforma as contornas urbanas, reflicte a identidade e diversidade das comunidades e serve como plataforma para a concienciación social sobre temas de relevancia, como a igualdade ou o respecto polo medio ambiente, aspectos fundamentais para acadar unha sociedade máis xusta”, concluíu a alcaldesa.