Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun centro para persoas con alzhéimer no antigo hospital de Calde

Por 7 Febreiro, 2024Sin comentarios

O presidente e candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores a construción dun centro para persoas con alzhéimer no antigo Hospital de Calde de Lugo e salientou o impulso que viviu o Hospital Público Lucus Augusti nestes últimos anos, co investimento de máis de 11 millóns de euros na instalacións de novas tecnoloxías para o tratamento de enfermidades como o cancro ou o ictus que evitaron o desprazamento de 1.500 persoas só no último ano.

Así mesmo, cualificou de “incrible” que o orzamento para o proxecto de Altri procedente dos fondos europeos “siga metido no caixón dun ministerio” e animou a “seguir empuxando para que chegue investimento a estes grandes proxectos e aproveitar as oportunidades que ofrecen estas novas iniciativas industriais. Nun almorzo celebrado en Lugo con representantes de todos os ámbitos da sociedade lucense, Alfonso Rueda salientou que a Xunta investiu nesta cidade nos últimos anos 410 millóns de euros —91 millóns en actuación sociosanitarias; 133 millóns en infraestruturas e equipamentos; e 185 millóns en accións para impulso da economía —, ao que se engaden outros 247 millóns en iniciativas que se atopan en marcha.

Inversións en materia sanitaria

En concreto, o presidente do PPdeG fixo unha especial referencia ao investimento realizado en materia sanitaria e, sobre todo, na dotación de novas tecnoloxías ao Hospital Lucus Augusti: 2,5 millóns de euros na instalación dun equipo PET, que xa evitou o desprazamento a Santiago ou A Coruña de 1.500 pacientes o pasado ano; 2 millóns de euros nunha sala de neurorradioloxía para a posta en marcha dunha unidade de ictus en Lugo; ou os máis de 7 millóns que supuxo a dotación do robot cirúrxico Da Vinci, un TAC de tecnoloxía espectral ou un novo mamógrafo con tomosíntese e imaxe 3D. Ademais, en 2022 comezou a funcionar no HULA un hospital de día de saúde mental infantoxuvenil para ofrecer terapias intensivas e evitar ingresos de rapaces.

Alfonso Rueda insistiu na súa intervención nas “enormes posibilidades de financiamento que supoñen os fondos europeos Next Generation”, pero lamentou a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de centralizar a súa execución e que a día de hoxe unha boa parte destes fondos aínda estea sen distribuír. Esta situación contrasta coa existente en Galicia, según indicou, onde xa se están executando o 95 % dos fondos que ata agora transferiu o Goberno central. “Na actualidade non hai un proxecto en España como o de Altri, moi serio e con xente decidida a facer un investimento importante e de futuro para Galicia”, asegurou o candidato do PPdeG, que considerou “incrible” que unha parte do financiamento para esta iniciativa empresarial “siga medido no caixón dun ministerio”.

Deste xeito, afirmou que “hai que seguir empuxando todos xuntos para reverter esta situación e que o Goberno central apoie os grandes proxectos industriais que temos en Galicia, porque temos que aproveitar toas as oportunidades que nos ofrecen estas novas industrias que queren instalarse na comunidade galega”.

Educación e nova intermodal

No ámbito da educación, Alfonso Rueda lembrou medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos, como a educación infantil gratuíta, á que se destinan 55 millóns de euros e que permite un aforro ás familias de ata 3.000 euros anuais; a potenciación da FP Dual, que deixou de ser algo residual para pasar a ser algo prestixiado, no que tiveron moito que ver os empresarios que apostaron por esta formación; e a gratuidade das matrículas universitarias, para aqueles alumnos que estuden e aproben cada ano como un recoñecemento á cultura do esforzo.

O candidato comprometeuse á construción do novo IES Anexa xunto á Facultade de Formación do Profesorado e afirmou que “o Campus Terra é unha historia dun éxito que ten que medrar moito máis”. Alfonso Rueda tamén se referiu á nova estación intermodal de Lugo e ao convenio asinado para a construción, pero amosouse consciente de que “mentres Lugo non teña unhas comunicacións ferroviarias adecuadas e non se concrete a data da chegada dos trens de Alta Velocidade a toda Galicia, todo estará por facer”.

Corredor Atlántico

Así mesmo, considerou “unha tomadura de pelo” a falta de impulso do Corredor Atlántico. “Nomearon un comisionado hai un ano e non tivo a ben reunirse con alguén da Xunta, mentres o Goberno de Sánchez segue licitando centos de millón de euros para o Corredor Mediterráneo”, manifestou. Deste xeito, apuntou que “temos que reivindicalo entre todos e esixir máis capacidade de interlocución desde o Goberno central para que isto vaia para adiante”.

Xa para rematar, Alfonso Rueda demandou a colaboración do Concello de Lugo para levar adiante proxectos en materia de vivenda ou de saneamento do rural. Neste sentido, amosou a disposición da Xunta de colaborar cunha aportación de 2,4 millóns de euros para facer o saneamento no rural de Lugo, “pero levamos meses esperando que o Concello nos remita o proxecto da obra e que concrete canto está disposto a aportar para esta obra”. O candidato do PPdeG tamén criticou a proposta incluída no programa do BNG de eliminar a división por provincias. “Non creo que a Lugo lle conveña que desapareza a estrutura actual por provincias”, sinalou, pero engadiu que “eles sos non poderán levar a cabo esta idea, pero xa estamos vendo o que está conseguindo o independentismo catalá”.