Skip to main content
Lugo

Olalla Rodil pon en valor o Campus de Lugo no eido da investigación ligada ao sector primario

Por 7 Febreiro, 2024Sin comentarios

A cabeza de lista ao parlamento galego polo BNG, Olalla Rodil, xunto con Montserrat Valcárcel, número 3 da candidatura e doutora en Enxeñaría Agrónoma, mantiveron un encontro con investigadoras e investigadores do campus de Lugo para presentar as propostas do BNG neste eido. Rodil pediu o apoio para o BNG o vindeiro 18 de febreiro para “dar a volta aos 15 anos perdidos que levamos en materia de I+D+i pola desidia do PP, que non considerou a investigación e a ciencia como unha materia estratéxica”.

Olalla Rodil cualificou á investigación como un “eixo estratéxico para o desenvolvemento económico e a modernización da Galiza”, e destacou a potencialidade do Campus de Lugo, cunha oferta formativa e un labor de investigación moi ligado co sector agrogandeiro. Rodil anunciou a creación do Innogal, “unha Fundación galega para a ciencia, entendida como unha fundación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e independente cuxo obxectivo é impulsar, promover e desenvolver a investigación e xeración de coñecemento científico, humanístico e tecnolóxico en beneficio da sociedade, do Sistema Universitario Galego, dos centros de investigación e, en xeral, do ecosistema investigador de Galiza”, explicou a candidata.

 

Ademais asegurou que impulsarán “a cooperación e coordinación entre os distintos axentes do ecosistema investigador galego a través da creación da Rede galega de coñecemento, ciencia e tecnoloxía”. Actualmente, a comunidade está “á cola do investimento en I+D+i con respecto ao resto do estado, investindo só o 1,1% do PIB, mentres que a media estatal é do 1,43 % e a europea do 2,3 %”. Deste xeito, o BNG propón unha batería de medidas para reverter esta situación, comezando polo incremento do investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até alcanzar o 3 % do PIB en 2030, e adicar á ciencia e I+D, o 3% dos orzamentos. De cara a mellorar as condicións profesionais do persoal, o BNG desde a Xunta de Galiza definirá unha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico – técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos.

Tamén creará “unha verdadeira Axencia Galega da Ciencia que coordine os diferentes grupos científicos incentivando a colaboración no sistema científico, centralizando a xestión e orientando o sistema investigador cara á resolución dos problemas da sociedade. A candidata do BNG afirmou que Galicia precisa un goberno “que aporte solucións para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP”, e animou a todas as persoas “a votar BNG independentemente do voto que deran noutras eleccións, somos a única forza coas mans libres para mellorar a vida das galegas e galegos sen ter que obedecer ás ordes dos partidos estatais”.