Skip to main content
Lugo

Investigadores do Campus Terra promoven recuperar actividades de montaña para impulsar a bioeconomía

Por 10 Febreiro, 2024Sin comentarios

O impulso da bioeconomía rural a través da revalorización da gandaría extensiva en áreas de montaña vencellada coa conservación da biodiversidade centra os obxectivos do proxecto RURALtXA!, unha iniciativa de I+D financiada con máis de 1,5 millóns de euros de fondos NextGenerationEU a través da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), na que participan investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC xunto con outros colegas de HAZI Fundación e da UDC, que é a entidade coordinadora do proxecto.

As actuacións programadas ao abeiro do RURALtXA!, un proxecto que botou a andar en setembro de 2022 e que se prolongará ata finais de 2025, son diversas e abranguen desde a cartografía e a caracterización socioeconómica, legal e administrativa das actividades tradicionais desenvolvidas en enclaves de montaña do Norte peninsular (Galicia e Euskadi), ata a implementación de plans de manexo baseados en resultados de conservación, con indicadores, medidas e recomendacións de xestión gandeira que impulsen a bioeconomía rural, ata, entre outras, a execución de actuacións de restauración ecolóxica (rozas, eliminación especies forestais exóticas, peches, restauracións hidrolóxicas, etc.) e de seguimento da evolución dos Hábitats de Interese Comunitario (HIC).

A posta en marcha dunha rede de traballo que promova o deseño de ferramentas para impulsar a bioeconomía (valorización e comercialización de produtos, actividades formativas, visitas a casos de éxito, ecoturismo, etc.), á vez que se fomenta a réplica e transferencia dos resultados acadados, constitúe outro dos cometidos de RURALtXA!, cuxas accións se concretan naqueles hábitats seminaturais considerados como de maior relevancia da área atlántica da Península Ibérica, tal e como son os queirogais húmidos atlánticos e secos europeos e os seus mosaicos con turbeiras en Galicia, ou os queirogais secos acidófilos e calcícolas, pradeiras de montaña, pastos mesófilos e petranos en Euskadi. Hábitats de Interese Comunitario (algúns deles ameazados de desaparición) que se estenden sobre unha superficie de preto de 21.000 hectáreas.

A implicación da USC neste proxecto concrétase en gran medida na coordinación técnica do mesmo, unha labor que recae nun equipo interdisciplinar formado Ramón Alberto Díaz Varela, Emilio Rafael Díaz Varela, Almudena Hospido Quintana, César A. Blanco Arias, R. Alfonso Laborda Bartolomé e Alberto Fraile de Benito. O seu cometido abrangue a coordinación e avaliación do estado de conservación dos hábitats, a redacción de plans de manexo, accións de conservación, avaliación de servizos ecosistémicos e da sustentabilidade do ciclo de vida das actividades gandeiras.

As actuacións desenvolvidas e proxectadas por este equipo de investigación da USC concrétanse en 4 áreas de traballo concibidas como áreas piloto, tales como son a Serra da Groba, en Pontevedra, Serra da Faladoira, na Coruña, e Monte Maior e Serra do Xistral, na provincia de Lugo. Trátase de catro espazos de montaña caracterizados pola presenza de queirogais secos e húmidos, así como de turbeiras altas e de cobertor, hábitats, en todo caso, moi ligados ao mantemento de actividades tradicionais, explican.

César A. Blanco sinala neste senso que o proxecto RURALtXA!, cuxos promotores traballan a prol da creación dun sistema integrado de impulso á bioeconomía para persoas produtoras comprometidas cun manexo sostible e respectuoso coa conservación dos hábitats, permite ao persoal investigador da USC dar continuidade a outras liñas de traballo xa desenvolvidas sobre o mantemento das actividades tradicionais do mundo rural galego, vinculadas á conservación da biodiversidade.