Skip to main content
Lugo

Julia González Álvarez, reelixida directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

A profesora Julia González Álvarez repetirá á fronte da dirección da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC logo dos comicios nos que resultou elixida por 41 votos a favor, dous en contra, sete en branco e un voto nulo. “A ETSE ten unha ampla e atractiva oferta académica en ámbitos altamente estratéxicos e ofrecer ao noso estudantado unha formación de calidade será unha das liñas prioritarias dos próximos anos”, explicou a directora da ETSE pouco despois se ser reelixida.

Para González, “conseguir novas mencións e acreditacións internacionais, fortalecer as relacións co mundo empresarial e incrementar a internacionalización dos nosos títulos están entre os obxectivos a conseguir”. En clave de xénero, a directora dixo que “seguiremos traballando dende a comisión de igualdade na captación de talento feminino, que continúa sendo unha necesidade nos títulos de enxeñaría e reforzar a visibilidade das actividades desenvolvidas no centro considerase imprescindible para a captación de estudantes”. Entre os horizontes a perseguir por parte da nova directora atópase tamén o de aumentar a implicación do estudantado coa ETSE. Así, apoiaranse as actividades promovidas polas asociación estudantís adscritas ao centro e potenciarase a participación activa da representación do estudantado.

Dotación de persoal docente

“A ETSE tivo un crecemento importante nos últimos anos, impartimos tres graos, un dobre grao e sete mestrados, polo que a dotación dos espazos, equipamentos docentes e persoal docente e de apoio necesarios para o desenvolvemento dos nosos títulos, algúns aínda en proceso de implantación, é outra das liñas prioritarias”, afirma. Mellorar a eficacia do traballo de xestión da ETSE a través dunha unidade de xestión de centro e departamentos integrada física e organizativamente é tamén outra das liñas de actuación propostas.

Julia González Álvarez é profesora do departamento de Enxeñaría Química dende 1998. Coordina o grupo de investigación ‘Intensificación de procesos para un desenvolvemento sostible’ (PROSUST) e actualmente a súa investigación céntrase na recuperación de metais escasos e valiosos de residuos electrónicos e na separación de

contaminantes industriais de efluentes líquidos e gasosos empregando carbóns activados derivados de biomasa residual industrial así como de copolímeros de bloque. Conta con cerca de 80 artigos en revistas internacionais recollidas no JCR e oito teses de doutoramento dirixidas, e ten participado como investigadora principal en seis proxectos de investigación así como en máis de vinte contratos con empresas. É editora asociada da revista Industrial Crops and Products dende 2012. Dende 2013 ata 2020 foi coordinadora do mestrado en Enxeñaría Química Química e Bioprocesos.