Skip to main content
Lugo

A Festa da Filloa de Lugo confirma a súa boa acollida na súa segunda edición

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

A contorna da Praza de Abastos acolleu este martes a segunda edición da Festa da Filloa de Lugo, cita coa que a Tenencia de Alcaldía deu continuación ás actividades do Entroido 2024. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou “a boa acollida” que tivo esta iniciativa por parte da veciñanza de Lugo xa na súa primeira edición no 2023.

A Tenencia de Alcaldía instalou na praza de Santo Domingo unha máquina capaz de elaborar entre 900 e 1.100 filloas por hora, para entregar filloas de xeito gratuíto a toda a veciñanza que se achegue ao evento para que “os e as lucenses poderán desfrutar deste produto típico da cultura galega e, sobre todo, dos días de Entroido”, explicou Rubén Arroxo.

O tenente alcalde tamén quixo incidir en que, dende o Goberno Municipal queren “poñer en valor a rúa Quiroga Ballesteros e os dous edificios municipais que alí se atopan, o Mercado Municipal e a praza de Abastos”. A animación continúa polas rúas da cidade este mércores co espectáculo ‘Rogelio, un paiaso en recuperación’ na praza Maior. Na xornada de tarde, terá lugar o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Tambukda. As actividades do Entroido rematarán o mércores 14 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro, e o 19º Concurso de Ferretes.