Skip to main content
Lugo

Agromuralla denuncia que a Unión Europea condena ao medio rural á desaparición

Por 16 Febreiro, 2024Sin comentarios

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla convocou este xoves 15 de febreiro un acto de protesta diante de Delegación do Goberno na Coruña “para manter viva a chama das protestas que nas últimas semanas se estenderon por distintos países europeos”. Con pancartas que alentaban que “a unión fai a forza” e ao “non ao peche de máis granxas”, a manifestación en defensa do sector primario partiu ás 12.00 da mañá desde o Coliseum da Coruña para dirixirse a pé até a Delegación do Goberno.

Neste punto, leuse un manifesto coas principais reivindicacións: redución da burocracia, reforma e simplificación da PAC, modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe. O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera “insuficientes” os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á “situación de emerxencia que vive todo o sector primario”.

Contra a Axenda 2030

Un dos motivos da protesta é solicitar a retirada da Axenda 2030, aprobada polo Goberno español en sintonía coa Estratexia da Granxa á Mesa da UE e que “afoga a agricultura e a gandería con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros”. Os produtores de alimentos “non son os culpables da destrución do medio ambiente, máis ben ao contrario”, argumenta José Luis Pérez Barreiro, que acusa tanto á Unión Europea como aos gobernos dos distintos países membros de “condenar ao medio rural á desaparición”.

Tamén denuncia unha competencia desleal. “Mentres en Europa se nos poñen todo tipo de trabas e impedimentos para producir, ao mesmo tempo faise a vista gorda á entrada de produtos desde o exterior que non cumpren coas esixencias en materia de fitosanitarios ou benestar animal que aquí temos que cumprir”, quéixase o presidente de Agromuralla.

Para José Luis Pérez Barreiro Semella que “o verdadeiro obxectivo da Axenda 2030 é que os produtores locais pechemos antes do 2030 para abrir as fronteiras ás importacións a través dos tratados de libre comercio, ignorando o principio de preferencia comunitaria”. E tamén alerta que “está en xogo a seguridade alimentaria e a garantía de subministro de alimentos e produtos de primeira necesidade á poboación, como se demostrou durante a pandemia”.