Skip to main content
Lugo

O centro social A Hedreira de Lugo ofrece un simposio sobre a xeopolítica dos conflitos armados

Por 23 Febreiro, 2024Sin comentarios

O vindeiro sábado 24 o centro social A Hedreira de Lugo ofrece, a partir das 20.00 horas, un simposio sobre a xeopolítica dos conflitos armados. No encontro participarán Pere Ortega e Tica Font do Centre Delàs d’Estudis per la Pau e falarase da escalada da violencia no mundo dende unha perspectiva antimilitarista.

Ademais, Ortega aproveitará para presentar o seu último libro La fuerza de la paz. Na peza aborda as principais propostas dalgúns dos autores máis influentes do pensamento pola paz como Thoreau, Gandhi, Camus, Brecht, Galtung ou Hannah Arendt, aos que se engadiron dous nomes relevantes como o catalán Arcadi Oliveres e o valenciano Vicent Martínez Guzmán.

Dos primeiros hai sen dúbida magníficas biografías que os analizan, pero os textos de Pere Ortega non revisan as súas biografías, senón que analizan as súas achegas máis significativas para a construción da paz. E partindo delas, engade consideracións sobre como actuar na actualidade para facer posible un mundo onde se limiten as violencias e se faga posible unha maior cooperación pacífica entre os humanos.

Os autores que el achega teñen unha peculiaridade, nadaron contra as correntes hexemónicas dos anos que lles tocou vivir e foron dialécticos fronte ás violencias e as guerras; desobedeceron aos gobernos cando estes infrinxían regras morais; introduciron propostas relevantes para eliminar todas as violencias; optaron pola liberdade como signo moral; foron activistas fronte ás inxustizas; e traballaron poñendo a xustiza e a paz como obxectivo.