Skip to main content
Lugo

A creación audiovisual, a reciclaxe de prendas e a reparación de móbiles: os novos cursos para a mocidade de Lugo

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

A concellería de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, promove tres novos cursos, totalmente de balde, dirixidos á mocidade lucense a través do programa +XTi, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas. En concreto, poranse en marcha os cursos de Creación Audiovisual; Diagnóstico e Reparación de Móbiles e Seguridade Cibernética Customización e reciclaxe de prendas.

A través destas actividades o executivo municipal achega unha alternativa de ocio saudable á mocidade lucense e busca potenciar a súa inserción laboral. Así, Bustos apuntou que se trata de “propostas formativas moi demandadas e atractivas para os mozos e mozas, destacando como novidade o curso de Upcycling téxtil, co que queremos promover a moda circular e o consumo responsable, así como a reciclaxe de prendas, concienciando á xuventude do papel que poden xogar tamén neste eido para o coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático”.

O curso de Creación Audiovisual estará composto de dúas propostas e dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Por un lado, Produción e gravación de contidos audiovisuais para redes, de 25 horas de duración (20 presenciais e 5 online), contará con 12 prazas e celebrarase todos os venres do 1 de marzo ao 5 de abril en horario de 16.30 a 19.30 horas no CEI Nodus. O de Deseño e creación dun streaming e iniciación ao podcast componse de 25 horas de duración (20 presenciais e 5 online), terá lugar todos os venres, dende o 12 de abril ao 11 de maio, das 16.30 ás 19.30 horas, no CEI Nodus e contará, igualmente, con 12 prazas dispoñibles. “Esta é unha proposta nova e contemporánea ás necesidades e usos da mocidade, sendo unha alternativa novidosa e atractiva”, valorou o edil.

Reparación de móbiles

As inscricións para estes dous cursos permanecerán abertas do 23 ao 29 de febreiro. Por outra banda o curso de Diagnóstico e Reparación de Móbiles e Seguridade Cibernética, de 60 horas de duración, “é un curso moi práctico e útil, tanto para xestión persoal como para atender as demandas laborais neste ámbito”, apuntou Bustos, quen explicou que “cada alumno/a recibirá un pequeno kit de montaxe-desmonte”.

Esta formación terá lugar os venres (das 16:30 ás 20.30 horas) e sábados (das 10:00 ás 13.00 horas) do 8 de marzo ao 27 de abril, no Centro de Convivencia Municipal Uxío Novoneyra. As inscricións permanecerán abertas do 29 de febreiro ata o 7 de marzo. Haberá un total de 15 prazas dispoñibles. Está dirixido á mocidade de entre 18 e 35 anos. Por último, o curso de Customización e reciclaxe de prendas, contará con dúas formacións sobre Upcycling téxtil, de 24 horas cada unha. Abordará cuestións sobre a moda circular e terá unha parte práctica que consistirá na customización dunha prenda e a elaboración dun caderno persoal con encadernación xaponesa. Os participantes non precisarán coñecementos sobre costura nin materiais propios.

En total haberá 20 prazas dispoñibles (10 por formación). A primeira terá lugar os xoves, de 17.00 a 20.00 horas, do 7 de marzo ao 9 de maio; e a segunda, os venres das 17.00 ás 20.00 horas, do 8 de marzo ao 10 de maio. Ambas se celebrarán na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición será do 26 de febreiro ata o 5 de marzo. Todas as inscricións realizaranse a través da web.  En total, nos tres cursos, hai 59 prazas dispoñibles, que se irán reservando por rigorosa orde de entrada das solicitudes.