Skip to main content
Lugo

José Manuel Espiño presenta en Lugo dous libros sobre o Camiño de Santiago en Canarias

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

Este xoves 22 de febreiro, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo, van ser presentados dous libros relacionados co Camiño de Santiago en Canarias, obra do lucense afincado nas Illas José Manuel Espiño Meilán.

Os libros, publicados polo Goberno autonómico de Canarias, co apoio da Consellería de Turismo, Industria e Comercio, son Airam y el apóstol, libro especialmente para nenos sobre a lenda da chegada por mar ás Canarias, hai cinco séculos, dunha imaxe ecuestre do Apóstolo, que deu orixe á devoción por Santiago nas Illas. Tamén presentará Un camino de leyenda, unha guía para mozos do Camiño Xacobeo nas Canarias que os peregrinos percorren de sur a norte, desde Maspalomas a Galdar, a gran concha de lava que se chama Gran Canaria.

É este o Camiño dos Volcáns, con gran seguimento nas Illas, que finaliza na igrexa dos Cabaleiros de Santiago de Galdar, protexido polos papas Xoán XXIII, Paulo VI e Xoán Pablo II, con 65 quilómetros que os peregrinos percorren en tres días por un itinerario aparentemente árido pero cheo de vida vexetal e animal e unhas paisaxes incomparables.

José Manuel Espiño Meilán, profesor e escritor, conxuga coñecemento e amor pola natureza e historia de Galicia coa devoción que profesa polas Illas reflictindo en toda a súa obra ese coñecemento e amor pola riqueza natural das dúas terras.