Skip to main content
Lugo

O conxunto de cámara Zoar actúa este martes no Círculo das Artes de Lugo

Por 26 Febreiro, 2024Sin comentarios

Este martes 27 de febreiro o Círculo das Artes de Lugo acolle, a partir das 20.00 horas, a actuación do quinteto de vento Zoar, que interpretarán Paisaxes de Iberia de Isaac Albéniz. O conxunto de cámara conta con Joan Ibáñez á frauta, David Villa co óboe, Antonio Suárez co clarinete, Benjamín Iglesias coa trompa
e Álex Salgueiro co fagot

Zoar é un conxunto de cámara estable e activo que traballa dende 2009. Creceu na busca dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, unha aposta firme pola nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade coa vontade de acercar a súa actividade a todos os públicos. Entre as colaboracións con outros artistas destacan proxectos con Monicreques de Kukas, co escritor Manuel Rivas, ou o beatboxer Carlos Vidal ‘Lytos’ no proxecto Windbox. En 2014 foron invitados como solistas á Orquestra Gaos e en 2015 ao VintEnsemble.

O interese polo repertorio descoñecido, a recuperación do patrimonio musical esquecido e a aposta pola nova creación levaron ao conxunto a explorar máis alá do repertorio tradicional de música para formacións de vento e incorporar obras de compositores esquecidos, estreas de obras xa escritas pero nunca interpretadas ou gravadas, como neste caso Alevi dedeler raki masasinda do compositor e pianista turco Fazil Say, ou O elefante e o pallaso e A flor da Caiena do recoñecido clarinetista Paquito d’Rivera. Ademais, estrearon pezas de compositores como Gabriel Bussi, Juan Durán, José Luis Turina, Patrick van Deurzen así como encargos propios de Xabier Mariño, Óscar Álvarez, Federico Mosquera, Fernando Buide, Óscar Navarro e Carme Rodríguez. O número de arranxos e adaptacións realizadas polos integrantes da propia formación supera os 30.

Actuaron nos principais teatros galegos, participando en importantes eventos culturais como a entrega dos Premios da Cultura Galega, en sucesivas edicións das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, no LVI Festival de Ópera da Coruña, no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, no Ciclo de Outono do Museo das Belas Artes da Coruña, no Ciclo de Concertos Benéficos da Real Academia Galega das Belas Artes e nas tempadas das sociedades filharmónicas de Lugo, A Coruña e Vigo. Fóra de Galicia ofreceron recitais no País Vasco, Cataluña e Portugal. En 2016 quedaron finalistas dos III Premios da Música Martín Códax.