Skip to main content
Lugo

Un curso de creatividade musical e tenis de mesa: as novas actividades de balde para a mocidade en Lugo

Por 27 Febreiro, 2024Sin comentarios

A concellería de Xuventude pon en marcha no mes de marzo dúas novas actividades gratuítas dirixidas á mocidade lucense e enmarcadas no programa +XTi, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas. Trátase dun obradoiro musical baixo o título Ritmo, percusión e acción, que terá lugar na Escola Heiko, e un curso de tenis de mesa, que se celebrará na Casa da Xuventude.

Neste senso, Jorge Bustos lembrou que se busca “ofrecer alternativas de ocio saudables e didácticas aos mozos e mozas da cidade, achegando un amplo abano de posibilidades con propostas para todos os gustos e rangos de idade”. Ademais preténdese fomentar a socialización da xuventude lucense, o traballo en equipo e a adquisición de novas habilidades que poidan ser útiles no seu futuro ou á hora de acceder ao mercado de traballo.

O obradoiro musical celebrarase todos os martes e venres, das 16.00 ás 18.00 horas, dende o martes 12 marzo ata o 10 de maio. Trátase dunha actividade que combina varias propostas creativas ao redor da música e que está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, co obxectivo de darlles a posibilidade de profundizar nesta materia con profesionais do ámbito da música, o baile, e as coreografías.

As inscricións para participar poden realizarse no email heiko@musicaeduca.es, no teléfono 687 582 559 ou ben presencialmente no local da Escola Eiko, situado na Estrada da Granxa nº29, do 1 ao 8 de marzo. En total, haberá 50 prazas dispoñibles que se irán reservando por rigorosa orde de entrada das solicitudes. Por outra banda, a actividade de tenis de mesa que se desenvolverá na Casa da Xuventude, é unha iniciativa que se leva realizando dende hai varios anos con gran éxito, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos e estará dirixida por un membro titulado do CLub Dez Portas de Tenis de Mesa

Terá lugar os venres pola tarde, de 18.00 a 21.00 horas; e os sábados en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, durante os meses de marzo, abril e maio, cun total de 15 prazas por día. As inscricións para participar na mesma poderán realizarse nas propias instalacións, cos responsables de impartir as clases. Toda a información sobre a programación do +XTi pode atoparse na páxina web.