Skip to main content
Lugo

O Museo de Lugo expoñerá a Sibila de Velázquez

Por 28 Febreiro, 2024Febreiro 29th, 2024Sin comentarios

O Museo Provincial de Lugo expoñerá a obra Sibila de Velázquez, pertencente ao Museo do Prado, este mesmo verán. O contrato de comodato que canaliza a cesión temporal e gratuíta do cadro ao Museo Provincial de Lugo aprobouse este martes no pleno provincial.

A obra de Velázquez poderá verse no museo lucense durante un mes, no marco do proxecto expositivo El arte que conecta promovido polo Museo de Prado que ten como obxectivo proxectar as súas coleccións no contexto estatal, apostando por unha xestión dos seus depósitos que fomentan a presencia, visibilidade e acceso á colección en todo o territorio español para favorecer o seu coñecemento e difusión. O Museo Provincial de Lugo é a única institución de Galiza incluída neste proxecto, que se presentará a nivel estatal o vindeiro 13 de marzo en Madrid.

A deputada de Cultura Iria Castro valorou a “cesión como un recoñecemento ao traballo que se desenvolve no Museo Provincial de Lugo e na Rede Museística Provincial” e destacou “a repercusión e visibilidade que lle dará ao Museo Provincial de Lugo e á cidade de Lugo a exposición dunha obra de Velázquez, de recoñecemento e valor internacional”.