Skip to main content
Lugo

Preséntase en Lugo o programa da Semana Santa

Por 29 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Goberno galego renovará un ano máis os apoios que destina á Semana Santa de Lugo, declarada de interese turístico de Galicia e cuxa programación presentou este xoves na Catedral o presidente da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, e o vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez. O acto contou tamén coa participación da secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, quen agradeceu “o traballo desinteresado dos responsables e de todos os membros das Confrarías”,

Barreiro lembrou que o labor das confrarías ten unha dimensión “estritamente relixiosa, repercute favorablemente na dinamización económica e social da cidade”. A Xunta colabora tamén na conservación do patrimonio monumental relixioso da cidade e actualmente executa obras de restauración na Capela da Soidade, ás que destina case 186.000 euros. O obxectivo é corrixir as filtracións de humidade que danaban a estrutura e ameazaban os elementos interiores, entre eles dúas das tallas máis emblemáticas da Semana Santa lucense, a Virxe da Soidade e o Cristo Xacente.

Pola súa parte, tamén participou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. A Deputación achega 12.000 euros á Xunta de Confrarías para a celebración dos actos e a posta en valor desta cita relixiosa que aspira a ser Declarada de Interese Turístico Nacional. Pablo Rivera eloxiou o traballo das Confrarías por sacar adiante un programa de actos atractivo que conxuga “aspectos relixiosos cos culturais nunha oferta consolidada xa como un dos grandes aliados turísticos de Lugo e do conxunto da nosa provincia”.

Felicitou o Deputado á Confraría do Bo Xesús que cumpre 75 anos e “é todo un símbolo da vitalidade da Semana Santa lucense”, unha celebración que destaca “pola singularidade de pasos como o das Caladiñas, ou o da Virxe da Esperanza, atraendo cada vez a máis visitantes”. De aí, a importancia do apoio económico da Deputación a esta celebración, remarcou Pablo Rivera, quen subliñou así mesmo que, por cada euro que inviste a institución provincial en patrocinios vinculados co turismo, “xérase un retorno de 100 euros”. A Semana Santa de Lugo arrincará o 16 de marzo cun concerto da Banda Filarmónica de Lugo, e o 18 de marzo terá lugar o pregón a cargo do sacerdote e secretario xeral adxunto da provincia eclesiástica de Madrid, Andrés Ramos Castro.