Skip to main content
As Nogais

As Nogais: Ruta Ferrería de Bois

Por 26 Febreiro, 2024Febreiro 27th, 2024Sin comentarios

Cunha distancia total de vinte quilómetros esta ruta é apta tanto para realizar a pé, como en bicicleta ou a cabalo, esixente no seu primeiro tramo na parte final altérnanse as subidas e as baixadas.

A ruta de Ferrería de Bois dá comezo na localidade das Nogais, á que accederemos a través do quilómetro 447 da N-VI nun desvío á dereita. Segundo se entra no pobo, xusto antes da ponte que cruza o río Bois aparece un camiño á dereita, situado entre dúas casas, que dá comezo a esta ruta. Parte das Nogais e regresa a localidade de novo despois dun percorrido que nos leva a coñecer parte das antigas industrias existentes na comarca de Ancares, o traballo do metal en pequenas ferrerías.

Comezamos o camiño cunha subida, lixeiramente esixente, que nos leva ata o barrio de Pandelo e continuaremos paralelos ao río do Val de Trasmonte aproximadamente dous quilómetros e medio. A altura do Couso cruzaremos o ría para desviarnos por un camiño a esquerda que nos levará ao antigo manancial de Augas Rubias, que recibe este nome pola cor da auga.

Dende este punto dará comezo un descenso cara o regato do Vao, que teremos que cruzar para comezar de novo unha subida cara o monte da Cheda onde poderemos apreciar unha fermosas vistas da paisaxe. Encamiñaremos cara Ferrería de Bois a través dun suave descenso rodeados de acivros onde poderemos facer unha parada para observar a paisaxe. A Ferrería atópase actualmente en estado de abandono e de aspecto moi deteriorado, aínda así poderemos apreciar restos da vivenda, muros da capela e as ruínas do edificio industrial.

Xa de volta As Nogais unha pequena ponte permítenos cruzar o río Valdeparada e comezar unha subida ao Monte da Furada desde onde tamén poderemos desfrutar da grande beleza da paisaxe natural. Dende este punto son seis os quilómetros que restan, primeiro en descenso ata o regato de Vao para volver a subir ata saír preto de Pandelo e xa para rematar unha baixada ata As Nogais.

Pasaremos polo pobo de Fonfría e continuaremos o ascenso ata chegar a unha lagoa de grande interese natural para os anfibios. Aquí poderemos atopar dez tipos diferentes de anfibios ademais da ra de San Antón, que se encontra na actualidade sufrindo un descenso de poboación.

Esta ruta ten un grande interese paisaxístico a través da cal poderemos desfrutar de especies arbóreas moi representativas dos bosques galegos como carballos, castiñeiros ou piñeiras e outro tipo de vexetación como toxos, xestas, queiruga e fentos.