Skip to main content
As Nogais

Miguel Tomé di nas Nogais que Besteiro acabará cos “graves problemas” que provocou o PP no transporte público

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

O número catro da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé López,  comprometeu que a Xunta liderada por Besteiro acabará cos “graves problemas” que provocou o PP no transporte público, e recuperarao para que sexa “útil e axeitado” ás necesidades dos veciños e veciñas do rural. “Trátase dun servizo fundamental para garantir a súa calidade de vida e, desta forma, poder fixar poboación”, subliñou.

Fíxoo durante o encontro que mantivo xunto á Voceira do PsdeG no Concello das Nogais, Sonia Fernández, e compañeiros da agrupación, con representantes da Asociación de Mulleres Rurais As Bulidoiras. Miguel Tomé asegurou que “os socialistas remataremos cos recortes e a situación de abandono que cada día sofren máis persoas nas parroquias dos concellos rurais, con situacións nas que se ven obrigadas a percorrer a pé quilómetros por estradas da montaña para chegar á capitalidade do municipio e poder coller o transporte, como é o caso do concello das Nogais”.

“Vemos como hai cada vez menos frecuencias nas liñas de autobuses, e as que seguen a funcionar fano incumprindo frecuencias e horarios. Vemos como todos os días os nosos estudantes e escolares son discriminados polo feito de vivir no rural, e como as solucións da Xunta de Rueda chegan aprobando concesións de transporte. O rural non pode seguir lastrado pola falta de servizos e de oportunidades de emprego, porque en lugar de ser a lexislatura do rural da que sacou peito en tantas ocasións Feijoó, agora co seu sucesor Rueda, isto máis ben empeza a ser o “caixón do desastre” do PP, no que se están a recortar servizos sanitarios, se pechan escolas e se demantelan oficinas bancarias”.

O candidato incidiu en que os socialistas “redefiniremos o transporte público de Galicia pensando no rural, coa finalidade de evitar zonas de exclusión. É necesario apostar por incrementar os medios para dotar de transporte ás zonas rurais, facéndoo máis atractivo para que a xente nova poida acceder a desenvolver nel o seu proxecto vital, así como para conectar os distintos núcleos poboacionais, impulsando a economía no ámbito rural”.

Miguel Tomé destacou así mesmo a necesidade de revisar os contratos de transporte escolar e restablecer os criterios de contratación para as empresas de transporte escolar, coa finalidade de que “volva a ser unha ferramenta para impulsar a educación e facilitar a conciliación familiar, en vez dun problema engadido para os centros e as familias”.