Skip to main content
Palas de Rei

Aprobado o proxecto de ampliación do parque empresarial de Palas de Rei

Por 24 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta aprobou definitivamente o Proxecto de interese autonómico (PIA) que permitirá acometer a ampliación do parque empresarial de Palas de Rei, tal e como se recolle na resolución publicada este venres 23 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia.

Este PIA ten por obxecto desenvolver a terceira fase da ampliación do parque empresarial palense, unha actuación delimitada na segunda modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG), aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro.

Cómpre lembrar que os Proxectos de interese autonómico son instrumentos de intervención directa previstos na Lei de ordenación do territorio de 2021 co obxecto de planificar e proxectar a execución inmediata de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, que non teñan previsión nin acomodo no prantexamento urbanístico.

Neste sentido e unha vez completadas as fases I e II do referido polígono, nas que na actualidade xa non quedan parcelas dispoñibles, esta ampliación permitirá poñer á disposición do tecido empresarial da zona unha superficie de 39.926,57 metros cadrados nun ámbito localizado a uns 600 metros do núcleo urbano de Palas de Rei e que linda ao oeste coa primeira fase do parque empresarial.

En concreto, o novo desenvolvemento contará con 14 parcelas destinadas a usos industriais e cunha superficie global de 20.755,64 metros cadrados, case 11.250 metros cadrados reservados para espazos libres e zonas verdes e outros 1.260 metros cadrados para equipamentos.

En canto aos accesos á fase III, farase desde o viario do actual parque empresarial, conectando a rotonda existente mediante unha nova vía que dividirá a área industrial resultante en dúas partes. Ademais, prevese unha zona verde perimetral ao redor do futuro ámbito que creará unha barreira visual vexetal na zona norte e leste. Na parte sur reservaranse dúas parcelas destinadas a albergar os equipamentos.