Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Abre o prazo para as axudas a propietarios de vivendas do rural para alugueiro

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de publicar este xoves no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria dun total de 50 axudas de 600 euros, en réxime de concorrencia competitiva, das que poderán resultar beneficiarias todas as persoas propietarias e usufrutuarias de inmobles situados en municipios de menos de 5.000 habitantes.

Estas axudas convócanse hoxe no marco do programa E para vivir Lugo que a institución provincial ten en marcha con fondos que conseguiu da Unión Europea para afrontar o reto demográfico. O prazo de solicitude será dun mes.

Para a concesión destas axudas valoraranse cuestións como o concello onde estean situadas, tendo preferencia aquelas vivendas da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade, porque é onde a Deputación está a desenvolver as accións piloto deste proxecto; o equipamento, puntuando máis aqueles inmobles que conten con parcela anexa á vivenda, praza de garaxe, instalación de enerxía renovable e certificación enerxética A, B ou C; a distancia a núcleos habitados máis próximos, valorando por encima aquelas vivendas que estean integradas nun núcleo habitado; e o tamaño e o ano da construción do inmoble, con máis puntos para as máis antigas e de maior capacidade.

Esta iniciativa é unha das tres grandes liñas de actuación do proxecto E para vivir Lugo, dotado con 300.000 euros de fondos da Unión Europea, e inclúe a creación de oficinas demográficas para atraer poboación e atender aos novos residentes, e axudas para a diversificación de cultivos.