Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXAFolgoso do Courel

Os socialistas denuncian que o Goberno galego “non fixo nada” por arranxar a estrada LU-651 do Courel

Por 10 Febreiro, 2024Sin comentarios

O secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, José Tomé, xunto con representantes socialistas de Lugo, achegouse ata o Courel, onde denunciou que, cando se van cumprir 24 meses do derrubamento da principal vía de comunicación de Folgoso do Courel, o Goberno de Rueda “non ten nin o proxecto técnico feito para repoñer o trazado”.

Así, denuncia que “pasaron dous anos e o Goberno de Rueda non fixo nada para arranxar os 200 metros afundidos da estrada autonómica do Courel a Quiroga, nin sequera ten o proxecto. O abandono desta estrada é o símbolo do total desprezo do Partido Popular ao rural da nosa provincia e de toda Galicia”.

Ademais, recalcou que mentres “a conselleira de Infraestruturas pasa os días atacando ao Goberno do Estado e aos concellos que non son da súa cor política, ten este desastre no Courel, e é a responsable da chapuza monumental da Ronda Leste de Lugo e acumula obras empantanadas por toda Galicia”.

Tomé incidiu na distinta forma de gobernar do PP, de “inacción e incompetencia”, como demostra que “leve dous anos sen facer nada no Courel”, co “impulso e cumprimento da palabra dada” do Partido Socialista, que no Goberno do Estado “abriu a Ponte do Castro da A-6 en 18 meses, respectando os prazos previstos”, cando é unha obra que “non ten punto de comparación” a nivel técnico nin económico coa estrada courelá.

Ademais, na Deputación de Lugo “completamos no mandato pasado a renovación integral da estrada LU-P-1301, de Pedrafita a Seoane, cun investimento de 1 millón de euros, tal e como me comprometín”, explicou.

Os socialistas denuncian a ineficiencia da Xunta do PP

A estrada autonómica LU-651, a principal vía de comunicación de Folgoso do Courel, derrubouse o 20 de marzo de 2022, nun tramo de 200 metros, á altura do quilómetro 18,300.

A Xunta “tardou 44 días en atopar un desvío alternativo e non o abriu ata preto de 5 meses despois, cun trazado inseguro e unha pendente do 20 %, e cando hai neve, non poden circular nin os turismos” e tardou 7 meses en atopar unha solución para o treito derrubado e a propia conselleira de Infraestruturas deuse a si mesma tres anos para acometer as obras”, sosteñen.

“A realidade é que, dous anos despois, nada se sabe nin sequera do proxecto técnico para repoñer o trazado e, polo tanto, non hai nin un metro de obra feito”, recalcou José Tomé Roca. Ademais de non solucionar o derrubo entre Courel e Quiroga no quilómetro 18,300, a Xunta ten pendente o acondicionamento e ensanche desta estrada autonómica entre Folgoso e Seoane. Despois de 14 anos sen facer nada, empezou en setembro do 2022 as obras da primeira fase -entre os kms. 29,750 e 33,180-, de Ferreira Vella a Seoane. “Uns traballos que están provocando un gran malestar veciñal polas deficiencias na súa execución, como os desvíos, que son intransitables”.

José Tomé estivo no Courel xunto aos candidatos lucenses ás eleccións autonómicas Lara Méndez, Miguel Tomé, Teresa Fernández e Roberto Castro, ademais da voceira municipal do partido na localidade, Carmen Álvarez; o tenente de alcalde de Quiroga, Vicente Parra; e os rexedores de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; e Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e membros das agrupacións socialistas do concello courelao e da comarca.