Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Eleccións en Galicia 2024: o PP revalida a maioría absoluta con Alfonso Rueda

Por 19 Febreiro, 2024Febreiro 20th, 2024Sin comentarios

O PP perde 2 escanos (40), pero consolídase como primeira forza política. O BNG posiciónase como segunda forza e sobe de 19 a 25, mentres que o PSdG baixa 5 e acada 9 escanos e Democracia Ourensana entra por primeira vez no Parlamento cun deputado

O PP mantén a Presidencia da Xunta de Galicia e revalida a maioría absoluta da man de Alfonso Rueda para os próximos catro anos ao superar a barreira dos 38 escanos no 18F. O partido perde 2 escanos (40), pero consolídase como primeira forza política na comunidade e logra a súa quinta maioría absoluta consecutiva. O BNG posiciónase como segunda forza e terá 25 escanos, o que supón 6 máis con respecto ás eleccións anteriores. O PSdG baixa 5 e acada 9, mentres que Democracia Ourensana entra por primeira vez no Parlamento cun deputado.

En canto aos datos por provincias, en Lugo os populares logran 8 escanos, mentres que o BNG e o PSdG-PSOE fanse con 4 e 2 escanos respectivamente. En A Coruña, os populares acadan 13 escanos, o BNG 9 e o PSdG-PSOE 3 cada un. No caso de Ourense, o PP leva 8 escanos, ségueo o BNG con 4 e o PSOE e Democracia Ourensana que logran 1 cada formación. En Pontevedra 11 escanos son para PP, 8 para o Bloque e 3 para os socialistas.

O Parlamento componse así de catro forzas políticas tras uns comicios que rexistraron unha alta participación. Concretamente, 1.340.623 galegos acudiron á cita electoral este domingo 18 de febreiro, o que supón unha participación do 67,25 %, 18 puntos máis con respecto ás autonómicas do 2020 cando un 48,96 % dos galegos exerceron o seu dereito a voto. Deste xeito, quedan fóra do Parlamento Sumar e Vox

Mentres o escrutinio chegaba a súa fin, Alfonso Rueda iniciaba a súa comparecencia con palabras de agradecemento para todos os que traballaron na xornada electoral. “Grazas por permitir que esta xornada con maior participación na historia das autonómicas se

desenvolvera con toda normalidade”. Tamén quixo dar as grazas a todos os galegos e galegas “por esa enorme confianza que amosaron os resultados electorais” e pola “inmensa honra que vai supoñer ser o presidente de Galicia nesta lexislatura”.

Nunha xornada na que chamou a facer “valoracións con humildade”, asegurou que vai traballar para “os que me votaron por suposto tamén para os que non me votaron” e a propoñer “a partir de agora a Galicia do futuro”. Tamén quixo facer referencia ás relacións co resto do Estado español. “Galicia mandoulle unha mensaxe sen ningunha dúbida a España, a mensaxe é que aquí non queremos chantaxes nin facelos nin estar sometidos. Hoxe Galicia votou que polo sentidiño e creo que foi a decisión correcta para Galicia e para España e polo tanto hoxe”.

Pontón e Besteiro valoran como “insuficientes” os resultados

A candidata do BNG, Ana Pontón, quixo darlle as grazas “a todos os votantes e militantes do BNG” e “ás máis de 450.000 persoas que hoxe ilusionadas colleron a papeleta do BNG conseguistedes que teñamos uns resultados extraordinarios”. Pontón mostrouse satisfeita por conseguir que “miles de persoas nos viran como a súa alternativa” e por apostar por unha “campaña en positivo, pensando na xente” coa que logran ser “o referente indiscutible ao Partido Popular”. Uns resultados que, aínda que “rompen cos teitos electorais do BNG”, resúltanlle “insuficientes porque o noso obxectivo era abrir un tempo novo”

Pola súa parte, o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu na noite electoral e asegurou que o resultado “non é o de agardado… por agora”. Asegura que toca comprometerse “dende a oposición por un traballo máis profundo” e perseguir máis empregos e máis dereitos “cun obxectivo de conseguir mellores resultados nun futuro e impulsar ese cambio para Galicia”.