Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXAFolgoso do Courel

Interior Galego Vivo di que a solución que se lle dá aos problemas da N-540 “é unha falta de respecto”

Por 28 Febreiro, 2024Sin comentarios

Interior Galego Vivo considera “escandaloso e unha falta de respecto” ao interior galego que, dado “o calamitoso” estado da N-540, que se actúe “tan tarde e tan mal”, aludindo ao comunicado da Deputación de Lugo.

Por un lado, consideran que a cantidade orzamentada é “completamente insuficiente para dotar da N-540 dun firme á altura da vía e que non dea graves problemas todos os anos”.

Por outro lado, din que “resulta surrealista” que non se licitaran as actuacións con carácter de urxencia e, no mellor dos casos, non comezará o investimento e as obras ata o 2025. “O que é totalmente esperpéntico é que aínda a Deputación de Lugo saque peito de que se arranxará no verán do 2025”, critican.

Así, desde IGV lémbranlle á Deputación de Lugo a obriga de facer un “correcto mantemento das estradas da súa titularidade, xa que a comarca de Chantada é a zona cero da fochanca da provincia de Lugo con estradas totalmente desfeitas e inzadas de buracos”.

Con respecto ao PP, din que “tentou monopolizar e usurpar as mobilizacións veciñais sobre a N-540 e mellor faría dando exemplo, arranxando as numerosas vías locais que se atopan tamén nun estado completamente intransitable”.

Interior Galego Vivo procurou solucións

Recentemente, Interior Galego Vivo apelaba a procurar solucións, “que non poden prolongar o actual estado máis dun ano nin chegan 10 millóns para ampliar a N-540 cun aglomerado acorde á tonelaxe e ao tránsito da estrada; con redución de curvas nos peores tramos e carrís de adiantamento en todo momento cando menos nun sentido”.

Din que como proposta de futuro deberíase facer unha intervención para a vertebración territorial real, que atendese tamén ao reto demográfico “cunha mellora e ampliación que incorpore un tren en paralelo que mellore a conectividade das comarcas dun modo máis ecolóxico e reducindo así as emisións de CO2, ao tempo que se crea un eixo comunicativo entre Lugo e Chaves que vertebre o interior da Euro-rexión Galiza – Portugal Norte”, explican.

Así, conclúen que “os partidos do turismo deberían xogar menos ao tenis e por veces mellor lles sería ter algo de pudor e estaren calados. Xa veremos, daquela, cando teremos na comarca de Chantada e na provincia de Lugo estradas dignas, se para o verán do 2025 ou para o entroido do 2026”.