Skip to main content
Monforte

Olalla Rodil defendeu que a Xunta debe investir no Porto Seco para “desenvolver o potencial industrial de Lugo”

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Galego por Lugo, Olalla Rodil, visitou o Porto Seco de Monforte, “unha infraestrutura na que a Xunta ten que investir tamén para conseguir desenvolver o potencial industrial da provincia de Lugo e de Galicia”.

A candidata do BNG afirmou que “desde o BNG temos un plan claro para o sector do transporte e a loxística, un sector que nos últimos anos gañou moita importancia  e que ten que desenvolverse atendendo a criterios de racionalidade, sustentabilidade e eficacia”.

O BNG desenvolverá un Plan Nacional de Transporte e Loxística desde o Goberno da Xunta que complete as infraestruturas pendentes, entre as que se atopa o Porto Seco de Monforte, ademais de rematar as súas conexións viarias e ferroviarias.

“O 28 de febreiro fanse 10 anos desde a inauguración desta plataforma loxística, o balance 10 anos despois é claro, 0 empresas asentadas e 0 atención por parte da Xunta de Galiza, tratando de convertelo nun parque empresarial, algo para o que non foi deseñado”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “traballaremos desde a Xunta para convertelo na unión entre o transporte de mercadorías por estrada e ferrocarril que debe ser”.

Propostas do BNG

Entre as propostas do BNG figura tamén o fomento do transporte ferroviario de mercadorías e a integración plena de Galiza no Corredor Atlántico, elaborando de xeito inmediato un Plan Director do Corredor e o Plan de Investimentos correspondente. Traballarase na conexión por tren dos portos, plataformas loxísticas e grandes parques empresariais galegos.

“Este 18 de febreiro, o BNG é a mellor alternativa para pasar páxina tras os 14 anos de recortes e abandono por parte do Partido Popular”, afirmou Olalla Rodil.

A candidata do BNG por Lugo destacou que o BNG parte “co mellor equipo e con Ana Pontón, a mellor presidenta que pode ter a Xunta de Galicia”, e engadiu “o domingo 18, as galegas e galegos escolleremos entre seguir no pasado co Partido Popular ou avanzar cara un BNG que faga de Galicia un lugar mellor, convertendo a Ana Pontón na primeira presidenta da Xunta de Galicia”.