Skip to main content
Monforte

O PP explica en Monforte as súas apostas para a incorporación de mozos ao agro

Por 3 Febreiro, 2024Sin comentarios

“O Partido Popular aposta pola remuda xeracional para fortalecer e garantir un sector agrogandeiro forte en Galicia”, segundo subliñou Raquel Arias. A integrante da candidatura popular ao Parlamento galego Raquel Arias visitou xunto ao deputado nacional Francisco Conde unha SAT monfortina con máis de 300 vacas de muxido e a unha explotación láctea familiar á que se incorporou recentemente un mozo en Bóveda.

Arias aproveitou para explicar algunha das propostas do programa electoral do PP galego como un servizo de titorización e axudas para impulsar a incorporación de mozos por primeira vez ás gandarías. De feito, “o Goberno galego está a traballar nesta folla de ruta coa que xa se levan incorporado 4.700 mozos e mozas no período 2009/2023”.

Neste mesmo sentido, avanzou que “impulsaremos un bono mozo para o inicio de actividade dotado con 15.000 euros para aqueles mozos que se van incorporar á actividade agrogandeira”. E tamén “simplificaremos os procedementos administrativos relativos ás explotacións agrogandeiras, como os plans de mellora ou as axudas de incorporación de mozos”.

“O proxecto de Goberno do Partido Popular que encabeza Alfonso Rueda en Galicia ten clara a importancia do sector primario para a nosa comunidade e para a nosa provincia”, remarcou a candidata ao Parlamento galego.