Skip to main content
Monforte

Besteiro comprométese en Monforte a desbloquear o Porto Seco

Por 4 Febreiro, 2024Sin comentarios

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou en Monforte que desbloqueará o Porto Seco para o convertelo nun nodo loxístico de referencia para as mercadorías en Galicia e Europa. “Esta actuación, que o PP mantén paralizada desde hai máis de dez anos, é clave para a creación de emprego, o desenvolvemento industrial, empresarial e innovador de Monforte e toda a súa comarca”.

Esta actuación debe ser complementada por unha rede loxística de infraestruturas, entre a que sinalou como prioritaria o desdobramento integral do Corredor Nadela-Sarria-Monforte “para convertelo en autovía e asegurar a conexión estratéxica co interior de Galicia”. Criticou que “en 15 anos o PP de Rueda só fora capaz de facer 11 quilómetros (A Pobra de San Xiao- Sarria) e nin sequera contemplara estendelo ata Monforte”.

Sinalou tamén que fronte ao enfrontamento e incapacidade demostrada por Rueda, os socialistas ofrecen diálogo e colaboración e así mencionou as actuacións iniciadas polo Goberno de España, entre as que destacou o investimento de máis de 500 millóns de euros na electrificación da conexión ferroviaria coa Meseta en Alta Velocidade do treito Lugo Monforte-Ourense; a finalización da Ronda urbana da vila e a súa conexión coa N-120, pola que Monforte levaba agardando 30 anos; ou a próxima licitación, en abril, do primeiro tramo da A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense. Estas obras farán prosperar, dixo, a labor do alcalde José Tomé, coa implantación na cidade de proxectos punteiros como o da farmacéutica Kern Pharma ou o Centro de Ciberseguridade de Renfe.

Recolleu tamén a petición do Concello para dobrar a superficie do polígono industrial porque “a Xunta que eu presida deixará de ser un obstáculo para converterse en aliada dos concellos, de forma activa e dinamizadora, atraendo novos investimentos e eliminando a burocracia e a mala xestión”.
“Queremos unha Galicia viva, que medre ao mesmo ritmo que o resto de España, que cree emprego e permita á xente quedarse a vivir nos seus pobos e cidades se así o queren, pero para iso debemos tamén recuperar a calidade dos servizos públicos que nos foron recortados por estes 15 anos de ineptitude do PP”. Neste sentido, Besteiro cualificou como a situación máis grave a que atravesa a Sanidade Pública en Galicia e asegurou que, “para os socialistas é fundamental reforzar a Atención Primaria, dotándoa de máis profesionais e especialidades” e, no caso de Monforte, “dotar de
máis investimentos e máis persoal ao Hospital Comarcal”. Acusou a Rueda de ir desmantelando ás caladas a Sanidade e así, constatou que “o Centro de Saúde monfortino ten 5 médicos dos 12 que precisaría para atender a unha poboación de máis de 18.000 habitantes. Menos da metade e logo negan que haxa saturacións. Nos garantimos a cita médica en 48 horas. Coa saúde non se xoga” e animou aos monfortinos e monfortinas a participar mañá na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública Galega en
Compostela.

Por último, o candidato do PSdeG, apuntou á potenciación do sector vitivinícola como sector produtivo estratéxico que ademais ten dobre impacto na promoción económica do territorio a través do enoturismo e o turismo sostible. E comprometeuse a consensuar vontades e loitar “por que Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Un traballo, recordou, que iniciei eu mesmo como Presidente da Deputación de Lugo no ano 2011 e que aspiro completar cando sexa Presidente da Xunta”.