Skip to main content
Monforte

Raquel Arias e Katy Varela destacan a implicación do Goberno galego co Porto Seco de Monforte

As candidatas do PP lucense ao Parlamento, Katy Varela e Raquel Arias, destacan a implicación do Goberno galego co Porto Seco de Monforte, “que mantén o compromiso orzamentario para as obras de conexión coa N-120” e lamentan que “non se poida avanzar nas obras porque levamos anos agardando a que o Goberno central desbloquee a situación para darlle unha saída competitiva a esta infraestrutura loxística que estimularía o desenvolvemento económico de Monforte e da comarca”, critican.

Así, din que a Xunta tivo que repetir o proxecto de trazado, a tramitación da avaliación de impacto ambiental e a redacción do proxecto construtivo para incluír unha solución compatible coa futura A-76.

“Os organismos estatais bloquean e dificultan o avance: a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil solicitando o redeseño das obras de drenaxe que implica refacer un proxecto xa aprobado; a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia solicitando documentación complementaria unha vez acordada a solución e Adif dicindo que para autorizar as obras se deberá suprimir un paso a nivel que nada ten que ver”, denuncian.

Así, conclúen que “existen atrancos que impiden avanzar no expediente debido ás posicións inmobilistas por parte de organismos dependentes do Goberno de España, pero a Xunta de Galicia ten consignado para 2024 ata 500.000 euros e está en disposición de avanzar nesta actuación cando se conte coa autorización por parte dos organismos estatais implicados”, subliñan as populares.