Skip to main content
Monforte

O PP denuncia en Monforte a situación do tren na provincia de Lugo e bótalle a culpa ao Goberno central

As candidatas do PP lucense polo sur da provincia, Raquel Arias e Katy Varela, lamentan “a situación do tren na nosa comunidade e na nosa provincia” e inciden en que “o Goberno do PSOE deixa morrer o tren galego. E todo coa absoluta complicidade do BNG que, por moito que fale do tren, logo dálle o seu apoio a cegas ao PSOE no Goberno de España, na Deputación de Lugo e nos concellos”.

Xunto á titular de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego e candidata pola provincia da Coruña, Ethel Vázquez, denunciaron que “o trato do Goberno do PSOE ás infraestruturas galegas e, particularmente, ás da provincia de Lugo chega case ao ensañamento”. E fixérono dende Monforte de Lemos que, “no seu momento, foi nó loxístico; pero na actualidade ve como perde o peso que tiña o sector ferroviario na cidade”.

É, polo tanto, “unha das zonas máis penalizadas polas políticas do Goberno de Sánchez”. As populares recoñeceron que “esta situación nos preocupa moito no Partido Popular, como ten demostrado o Goberno galego do presidente Rueda” e volveron reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez que “cumpra cos compromisos adquiridos” e que “non condene aos cidadáns da provincia de Lugo a quedar sen alta velocidade nin velocidade alta”.

“Todos somos coñecedores de que o actual Goberno de España está a rebaixar cada vez máis a calidade dos servizos ferroviarios”: falta de frecuencias -non se recuperaron as frecuencias anteriores á pandemia e estamos sen tren nocturno a Barcelona-, falta da prazas e de persoal. E a todo isto hai que engadir “as deficiencias no mantemento que supoñen atrasos e avarías cada vez máis frecuentes”, explicou Vázquez.

Estes son só algúns exemplos dos “pasos cara atrás con respecto ao tren en Galicia -e que tanto significou para a cidade de Monforte- por parte do Goberno do Partido Socialista que conseguiu algo tan extraordinario como deseñar trens que non collen polos túneles”, ademais de incumprir os prazos para a chegada dos trens Avril que “Pedro Sánchez comprometera para hai anos”.