Skip to main content
Monforte

Máis de 1.000 persoas participarán no desfile de disfraces do Entroido de Monforte

Por 13 Febreiro, 2024Febreiro 14th, 2024Sin comentarios

O Concello de Monforte celebra o seu día grande do Entroido 2024 co Desfile e concurso de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido esta tarde a partir das 17.00 horas e no que participarán 1.100 persoas, que optarán ós premios das diferentes categorías.

Para o concurso do Martes de Entroido o Concello establece dúas modalidades, unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte de Lemos e outra para disfraces e comparsas de fóra do municipio. No primeiro caso, destina 15.000 euros en premios, e para os participantes de fora do Concello, 2.300 euros.

O primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes será de 1.200 euros e no caso das que sexan de fóra, con máis de 25 compoñentes, ascenderá a 450 euros. E tamén haberá premios de 200 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escena e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.

O Desfile de comparsas e disfraces do Concello de Monforte comezará ás 17.00 horas na praza da Estación e percorrerá as rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal Rodrigo de Castro, finalizando na praza da Compañía, onde a concelleira de Cultura, Marina Doutón, dará a coñecer ós ganadores e gañadoras do concurso. A xornada concluirá coa actuación da Orquestra Trebol.

Os disfraces individuais concentraranse obrigatoriamente na praza da Estación ás 16.30 horas, onde o xurado as identificará. Logo, tanto as comparsas como os disfraces serán cualificados por lugares indeterminados do percorrido.

Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social.