Skip to main content
A Pobra do Brollón

PSOE e BNG piden que se aclare a colocación dunha pancarta irregular do Partido Popular na saída do Oso de Salcedo

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

O PSOE e o BNG veñen de solicitar conxuntamente a celebración dun Pleno extraordinario para aclarar a colocación dunha pancarta irregular do Partido Popular na saída do Oso de Salcedo.

O Pleno terá lugar o próximo xoves 15 de febreiro ás 12.30 no salón de plenos do Concello da Pobra do Brollón e está aberto á veciñanza que se queira achegar.

Nel pediranse explicacións ante a situación vivida o Luns de Entroido en Salcedo “no que había unha pancarta electoral pedindo de xeito explícito o voto para o Partido Popular nunha zona non autorizada pola Xunta Electoral”, din dende o PSOE e o BNG.

Dita pancarta foi situada nun lugar de gran visibilidade durante a celebración da Saída do Oso, “cunha clara intención de aproveitar a gran concentración de asistentes e medios de comunicación que congrega este evento”.

Unha actuación “grave para a democracia”

Tanto o alcalde do Concello da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, como o líder do PSOE local, Adolfo Rubio, cualifican a situación vivida como “grave para a  convivencia democrática” polo que debe ser aclarada nas canles dispostas para tal fin.

Consideran ademais que “é un intento de politización dunha tradición comunitaria coa que se falta ao respecto de moitas persoas que ao longo do tempo e nos últimos anos traballan para manter este importante elemento do Patrimonio independentemente das siglas políticas”, rematan dicindo.

Así mesmo, á marxe da normativa, os socialistas esixirán no plano ético como xustifica o PP “a politización dun Entroido popular no que hai moitas persoas implicadas de diversas ideoloxías” e por que trata de xerar “unha división innecesaria” no seo dunha celebración dun patrimonio inmaterial de tanta importancia. Os socialistas consideran que se trata “dun acto impropio dun representante democrático”, tanto a nivel normativo, como ético.