Skip to main content
Sober

Sober contará cunha glotieta na estrada LU-903 en Doade

A Xunta someteu a información pública o proxecto de execución dunha glorieta na estrada LU-903 en Doade, no Concello de Sober a través da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que estivo co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e representantes da Asociación de Veciños de Doade para abordar o inicio deste trámite administrativo necesario para executar esta actuación, atendendo á solicitude trasladada desde o propio Concello.

Na xuntanza informouse do sometemento a información pública do proxecto para a construción dunha glorieta que facilite os movementos de forma máis áxil e segura na intersección entre a vía autonómica LU-903 e a estrada provincial LU-P-5903, en Doade.

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o anuncio da información pública, tamén a efectos expropiatorios, xa que a construción da nova rotonda afecta a 17 parcelas e a unha superficie total de preto de 1.300 metros cadrados. A actuación conta cun orzamento superior aos 408.000 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias.

As persoas interesadas dispoñen agora dun prazo de 30 días hábiles contados ata o día 13 de marzo, para presentar as achegas que consideren. A partir de aí, o procedemento continuará coa análise das achegas recibidas, para incorporar ao proxecto aquelas que se consideren oportunas.

Traballos na rotonda

Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas consideran que ese traballo poderá estar rematado no terceiro trimestre de ano, cando se aprobará definitivamente o proxecto. Isto permitirá licitar as obras a finais deste mesmo ano para a súa execución en 2025. O prazo para acometer os traballos é de 6 meses.

A nova glorieta situarase á altura do quilómetro 12+780 da LU-903, terá un diámetro de 28 metros e permitirá regular a intersección actual dun modo máis funcional e seguro, contribuíndo, ademais, á redución da velocidade nesa contorna.

A intervención completarase coa continuación das beirarrúas existentes, cara á marxe dereita da estrada autonómica e cara á vía provincial. Ademais, nos treitos anexos á glorieta e nos que non se habilite beirarrúa disporanse gabias transitables de seguridade, cun ancho variable, entre 1 e 1,5 metros.

A intervención completarase con obras de drenaxe, dispoñendo en ambas as marxes da estrada canalizacións das augas da chuvia; dotando de alumeado público, coa colocación de 14 luminarias LED; e rematando coa completa sinalización da glorieta, vertical e horizontal, balizamento e instalación de barreira de seguridade.