Skip to main content
Sober

Eduardo Pérez Baamonde gaña o concurso de carteis da XLIV Feira do Viño de Amandi

Por 4 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Sober vén de fallar o concurso do cartel que anunciará a XLIV Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 22, 23 e 24 de marzo, coincidindo como é habitual coa fin de semana do Domingo de Ramos. O xurado, formado por técnicos municipais, elixiu entre unha vintena de propostas chegadas de diferentes puntos do Estado.

Ademais dos orixinais de Sober, Monforte ou Chantada, tamén se recibiron carteis das outras tres provincias galegas. De fóra de Galicia, chegaron propostas de Murcia, Castellón, Madrid ou A Rioxa. O grupo máis numeroso chegou da propia Comunidade. A proposta gañadora foi a titulada Federica Faneca da autoría de Eduardo Pérez Baamonde, gañador do mesmo concurso no ano 2021. Resultaron finalistas os traballos de Fernando Mariño, do Incio; Sara Bernárdez, de Vigo; e José Luis Pulido, de Madrid.

Eduardo Pérez Baamonde é natural de Vilalba e exerce como profesor de Debuxo en Ensino Medio. Amante do deseño gráfico e da pintura empeza a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta. Nos últimos anos participa con asiduidade en diversos certames alcanzando varios premios e recoñecementos. Tamén destaca a súa actividade como ilustrador.

O gañador recibirá por vez primeira 700 euros, e unha peza de Gundivós personalizada, e o seu cartel será a imaxe da XLIV Feira do Viño de Amandi. Os finalistas recibirán tamén un diploma, un lote de viño de Amandi e os seus carteis estarán nun lugar destacado na exposición que se organice con todos os orixinais participantes no concurso.

O deseño que anunciará a Feira do Viño de Amandi será presentado oficialmente o sábado 24 de febreiro na Capela da Barca, data na que se dará a coñecer a programación do mes do Amandi e o programa de actividades da XLIV Feira do viño de Amandi. Este ano por segunda vez consecutiva a feira dará comezo na xornada do venres pola tarde.