Skip to main content
Sober

Aprobados os presupostos do Concello de Sober, que superan os 3 millóns de euros

O Concello de Sober vén de aprobar os orzamentos para este ano 2024, que supoñen un importe 3.344.414.18 euros, arredor dun 7 % máis que en 2023, despois de saír adiante co voto do equipo do Goberno, en mans do PP, e o do PSOE, e coa abstención de Agroma Sober.

Un ano máis ,os presupostos “garanten a igualdade no acceso ao emprego, na formación, na promoción e nas condicións de traballo”, explican desde o Goberno local. Así, promociónase a igualdade e a participación activa das mulleres en todos os ámbitos.

Prima o gasto social e os investimentos reais, ao tempo que non se sobe ningún imposto nin taxa. En concreto, destínase a benestar comunitario e gasto social máis de 1,6 millóns de euros e a cultura, educación e deporte arredor de 500.000 euros.

Investimentos reais

Os investimentos reais superan o millón de euros. Entre as inversións previstas, atópase a última fase do saneamento no núcleo de Doade, con 51.000 euros, a construción dun novo Punto Limpo e una nave municipal con taller de reciclaxe cun investimento de 275.000 euros, dos que a Consellería de Medio Ambiente achega o 80 %.

Tamén se inclúen nos orzamentos partidas para mobiliario nas dúas vivendas municipais recentemente arranxadas en Vilamaior e para a nova Escola Infantil, cuxas obras está previsto rematen neste mes de febreiro. Incluíuse ademais unha partida para a compra de instrumental para a Escola Municipal de Música.

Ao mesmo tempo, os presupostos inclúen 40.000 euros para obras no Centro Sociocultural para insonorización de aulas, climatización eficiente e melloras na cuberta. A rehabilitación do palco de Rosende e a construción dun local social no palco de Gundivós contan con 61.000 euros.

Tamén se prevé a construción dunha nova piscina infantil con xogos interactivos, una pista de voley praia e melloras nos céspede da área de piscinas de Centeás. Esta obra supón una inversión de 140.000 euros, dos que o 80 por cento son a cargo da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Contan os presupostos con partidas para melloras urbanas, entre outros lugares, en Ferrón, Sanmil ou Portizó, obras que suporán una inversión de preto de 200.000 euros dos que o 70 % serán achegados pola Xunta de Galicia.

Para a mellora de camiños municipais inclúense preto de 300.000 euros, deles, 120.000 con cargo o Plan Único da Deputación, 100.000 a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e 80.000 de fondos propios do Concello.

Axudas e emprego

Mantense a liña de axudas para todos os niveis de ensino (infantil, primaria, secundaria e universidade) e segue tendo peso o fomento do emprego con unha partida de máis de 85.000 euros.

As festas populares seguirán tendo axuda municipal, aumentouse a dotación para as festas de Cadeiras, para a AMPA e para os dous clubs de fútbol. As asociacións poderán optar a axudas para organización de eventos puntuais ou para proxectos de actividades.

Increméntase o salario de todo o persoal municipal no 2,5% aínda sen saber se o Estado sobe esa porcentaxe, unha proposta co visto bo dos sindicatos na mesa de negociación.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, aseguro que se trata duns presupostos “realistas”, pensados en seguir mellorando a vida das familias e na que contan por igual todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan.