Skip to main content
Sober

Os carraboleiros e as señoritas volveron ao Entroido de Sober

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Sober gabou a recuperación do Entroido tradicional de Bolmente por parte dos seus veciños e veciñas pois este ano decidiron recuperar os carraboleiros e as señoritas, personaxes típicos do Entroido que había 50 anos que non saían desfilar.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que o Entroido deste ano na localidade, “ademais de contar con máis participación ca nunca, recuperou uns célebres personaxes que se crían perdidos e que volven despois de 50 anos”.

O Entroido de Bolmente foi, hai anos, xunto co de Proendos, dos máis importantes da Comarca.

Toda unha tradición

Carraboleiros e señoritas formaban parte daquelas míticas comparsas que recorrían os lugares da parroquia de Bolmente, xuntamente cos maragatos, vellos e vellas, que remataban a velada nun lugar emblemático da parroquia chamado “o corno do boi”, bebendo Amandi, doces típicos, bailando e cantando.

O rexedor agradécelles aos veciños e veciñas de Bolmente o seu traballo para recuperar estes personaxes propios do Entroido de Sober, que son as señoritas e carraboleiros de Bolmente. De feito, ademais de gañar o primeiro premio do concurso de disfraces que se celebrou na localidade o sábado, tamén conseguiron premio no de Monforte.