Skip to main content
Sober

O programa de actividades da XLIV Feira do Viño de Amandi de Sober foi presentado no miradoiro de Pena do Conde

Por 24 Febreiro, 2024Marzo 28th, 2024Sin comentarios

O Goberno local de Sober vén de presentar o cartel e programa de actividades da XLIV Feira do Viño e do mes de Amandi; así como o cartel anunciador do evento, cuxo autor é o vilalbés Eduardo Pérez Baamonde, no miradoiro de Pena do Conde, na Barca.

Este ano, o convidado de honra é o Concello de Pereiro de Aguiar e Lucía Rodríguez será a encargada de dar o pregón, o domingo día 24 ás 13.00 horas, nunha edición da feira que por vez segunda vai comezar o venres 22 de marzo e estenderase durante o sábado e domingo.

Programación da Feira

O venres, 22 de marzo, comezará o evento ás 19.00 horas coa actuación de Batucada XdL de Monforte para logo, ás 19.30 horas, inaugurar a Feira da man da Adega D’Fran de Vilachá de Doade en lembranza de José María Díaz. Xa ás 20.30 horas terá lugar a actuación da Banda de Música de Folk de Ribas de Sil e ás 22.30 horas rematará o día coa actuación da Charanga Festicultores Troupe.

Pola súa parte, o sábado, 23 de marzo, abrirán os postos ás 11.00 horas e ás 11.15 actuará Baturruka de Monforte, á que seguirá a Banda de Música de Sober, ás 12.30 horas. Xa pola tarde comezará a Precata oficial ás 17.00 horas, ás 18.00 actuará a Batucada Creativa de Monforte, ás 20.00 horas será a quenda da Charanga Louband de Sarria e ás 23.00 horas o grupo Malenne, na praza do Concello.

Xa o domingo, 24 de marzo, a Charanga NBA actuará ás 10.45 horas e ás 11.00 horas terá lugar o pasarrúas coa Banda de Música de Sober. Ás 11.30 comezará a Cata Final oficial e á vez terá lugar a misa solemne coa bendición de Ramos na Igrexa de Sober. Xa ás 12.30 horas será a recepción de autoridades e ás 13.00 terá lugar o pregón da Feira a cargo de Lucía Rodríguez, que rematará ás 13.30 coa entrega de premios. Xa pola tarde ás 17.30 horas haberá actuación da Charanga NBA e rematará a festa coa orquestra Los Satélites que actuarán a partir das 19.30 horas.