Skip to main content
Sober

As persoas beneficiarias do SAF en Sober poderán participar de diversas actividades físicas e cognitivas

Por 29 Febreiro, 2024Marzo 1st, 2024Sin comentarios

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que pretenden achegar a actividade física e cognitiva ás persoas maiores, en concreto a aquelas que son beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar.

Para iso, as traballadoras sociais da localidade, Patricia González e Ana de la Torre, desenvolveron o proxecto para achegar aos fogares a actividade física e cognitiva para mellorar a saúde e incrementar a calidade de vida, autonomía e benestar emocional dos usuarios e usuarias.

A través das ferramentas que veñen de poñer á disposición dos usuarias e usuarias do SAF, preténdese que os maiores executen as actividades co persoal de axuda no fogar.

Ademais, para cumprir con este obxectivo, o Concello de Sober vén de adquirir diferentes materiais que lles faciliten a posta en marcha das seguintes tarefas, creadas de xeito específico para os usuarios e usuarias da localidade:

  • Buscando no baúl dos recordos: Os usuarios e as usuarias deberán compartir os seus recordos co persoal auxiliar, amosándolle os albumes de fotografías cos que contan no domicilio. A finalidade desta actividade é que pasen un rato agradable de ocio, mentres activan a súa mente recordando as persoas e os feitos que se amosan nas diversas fotografías.
  • Botamos unha timba?: Con elo, preténdese que os e as maiores se divirtan xogando co persoal auxiliar a un xogo de cartas, obtendo, así, beneficios cognitivos.
  • Pasiño a Pasiño. Anímase os usuarios e as usuarias do SAF a camiñar por os arredores do seu domicilio co persoal auxiliar, percorrendo o seu pobo e falando cos veciños e coas veciñas.
  • Encaixamos: A finalidade desta actividade e que, por medio do persoal laboral de axuda no fogar, soliciten e fagan puzzles conxuntamente, co ou coa auxiliar. Deste xeito, estimularán a mente.
  • Pasa – tempo activando o cerebro: Perséguese que, de forma individual, pero tamén coa compañía do persoal de axuda no fogar, adestren a mente co libro de pasatempos que o Concello de Sober adquiriu e lle entregou a cada persoa que conforma o servizo.
  • Xogos reunidos: O Concello de Sober tamén levou a cabo a compra de diversos xogos do parchís e da oca. Para fomentar un bo ocio e unha estimulación cognitiva, os usuarios e as usuarias, deberán solicitar este material para empregalo xunto o persoal do SAF.
  • Ole que arrecende!: Xunto o persoal auxiliar, levarán a cabo receitas de cociña, aprendendo pratos novos ou recordando aqueles que fai tempo que non elaboran.
  • Palabras a remollo dun café: Invitan a que os e as maiores se senten coa persoa auxiliar, preparando unhas cuncas de café e mantendo unha conversa agradable e cálida.

Aqueles usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar que leven a cabo estas actividades durante un número mínimo de horas recibirán un agasallo a final de ano.