Skip to main content
Comarca SARRIAXATriacastela

Sara Ruiz, investigadora triacastelá: “A investigación avala o uso de cairomonas para controlar a reprodución da rata toupa”

Por 6 Febreiro, 2024Febreiro 7th, 2024Sin comentarios

Triacastela foi escenario de traballos de campo que permitiron o desenvolvemento dunha análise, investigación e estudo sobre a praga da rata toupa, que provocou arredor de perdas de 3 millóns de euros nos últimos anos a gandeiros e agricultores da montaña

Jessica Fernández Cerdeira.

Sara Ruiz, que naceu en Oviedo pero pasou media vida en Triacastela e, actualmente, é o seu fogar; vén de desenvolver un estudo anatómico e morfofuncional do órgano vomeronasal da rata toupa na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

Nada nunha familia de gandeiros, sempre estivo en contacto co sector e coas súas problemáticas, un mundo que lle gustaba, por iso lle prometeu aos seus avós que ía ser veterinaria. Así, estudou a carreira e, despois de analizar o aumento de rata toupa en Triacastela e os problemas que provocaba nos seus veciños, decidiu orientar a súa tese de doutoramento cara a investigación sobre a rata toupa e unha posible solución.

Así, a investigadora triacastelá, xunto con persoal investigador do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) que coordina Pablo Sánchez Quinteiro, publicou o seu estudo en ‘The Anatomical Record’, que apunta a que o órgano vomeronasal da rata toupa (Arvicola scherman) é de gran tamaño e ten un grao avanzado de desenvolvemento, polo que esta especie está a colonizar as pradeiras dalgúns dos municipios da montaña luguesa, como Pedrafita e Triacastela.

O traballo, que forma parte da súa tese de doutoramento, ademais de revelar aspectos ata agora descoñecidos do sistema vomeronasal da rata toupa, tamén avala o uso de ‘cairomonas’ de depredadores para provocar estrés e alterar os ciclos reprodutivos deste roedor herbívoro, como posible estratexia para avanzar no seu control, na progresiva diminución de individuos e a posterior eliminación, se fose o caso.

Imaxe do órgano vomeronasal con alto grao de desenvolvemento morfolóxico no estudo da USC

Detalles da investigación realizada por Sara Ruiz

A caracterización anatómica, morfolóxica e funcional do órgano vomeronasal da rata toupa feita pola veterinaria Ruiz Rubio, reforza a elección da loita química como a alternativa máis viable e sustentable para controlar a reprodución da rata toupa, cuxo número de individuos segue a multiplicarse, a pesar da posta en marcha doutras estratexias que resultaron ser insuficientes o pouco eficaces, tal e como pode ser o caso da distribución de dispositivos de trampeo nas áreas afectadas ou o incremento de depredadores.

O profesor Sánchez Quinteiro explicou que as pescudas de Ruiz Rubio desenvolvéronse ao mesmo tempo que outros traballos de campo en diversas parcelas de control no Concello de Triacastela, espazos nos que se testaron con diverso nivel de éxito estratexias de loita contra unha praga de roedores que, a través de galerías subterráneas, comen desde a raíz as plantas herbáceas que brotan da superficie.

“Os danos son cuantiosos, pois estamos a falar dun roedor cun tamaño lixeiramente superior ao dun topo común e que se reproduce durante todo o ano”, dixo Sánchez Quinteiro.

A información achegada por Ruiz Rubio constitúe un novo argumento científico que avala a estratexia de loita biolóxica proposta polo profesor Sánchez Quinteiro para combater as pragas de rata toupa, unha liña de traballo que propón o emprego de cairomonas de depredadores nas áreas nas que se concentran, co obxectivo de alterar a súa existencia e incrementar o seu grao de estrés, o que incidiría negativamente nos seus ciclos reprodutivos e, por conseguinte, provocaría a progresiva diminución da poboación da rata toupa. “Para a rata toupa, as cairomonas son como para nós un incendio na casa, provocan unha situación de estrés na que o último que van pensar é en reproducirse”, explica Sara Ruiz.

O profesor Sánchez Quinteiro salientou tamén o interese dos resultados da investigación realizada por Sara Ruiz, un traballo que se desenvolveu á par que outros estudos promovidos en Francia sobre a utilidade da comunicación química para combater este tipo pragas de roedores. “Os dos estudos perseguen o mesmo obxectivo”, precisa Sánchez Quinteiro, pero teñen enfoques diferentes, engadiu, pois “mentres os colegas franceses profundan sobre o uso de feronomas que poderían actuar como atracción cara a dispositivos de trampeo, a investigación do grupo de Morfoloxía Animal do Campus Terra da USC céntrase no efecto desestabilizador e no estrés que produce na rata toupa a percepción destas cairomonas, en canto que advirten da presenza de depredadores”.

Identificación de dous quistes parasitarios, potencialmente de Toxoplasma, na corteza cerebral da rata toupa da análise da USC