Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

Roberto López, propietario do Restaurante Río Loio: “O meu equipo de traballo é un orgullo e iso nótano os clientes”

Por 4 Febreiro, 2024Febreiro 5th, 2024Sin comentarios

Falamos con Roberto López Rodríguez, propietario e encargado do Río Loio de Paradela.

Como nace o proxecto do Restaurante Río Loio?

Nace na época dos meus pais, xa que meu pai tiña unha leira onde agora se atopa o Restaurante Río Loio e traía aquí a pacer as ovellas cando era pequeno, pero cando medrou deuse de conta de que coas vistas que tiña, podía ser un bo lugar para construír un negocio, polo que marcharon meus pais para Suíza a conseguir o diñeiro necesario para poñelo en marcha.

Despois de 13 anos en Suíza e traballando moito, volveron e abriron o establecemento o 3 de setembro 1978.

Daquela, eles montaron o negocio enfocado nunha pequena tenda de ultramarinos, e mentres eu marchei a estudar a carreira de Hostalaría a Santiago. Pero ao volver, en 1997, collín o negocio e pouco a pouco, facendo cambios e evolucionando, a ver se funcionaba, conseguimos pasar das 20.000 comidas que fixemos en 1997 ás 100.000 que fixemos o ano pasado.

Onde está localizado?

O Restaurante Río Loio está localizado nunha contorna que é como o Caribe, paradisíaco. A mellor posta de sol da provincia de Lugo está aquí, que é espectacular. Isto é como un Cabo, xa que só temos terra por un lado e estamos rodeados de auga.

Estamos na desembocadura do río Loio no río Miño, e aquí o Loio parece como outro Miño do grande que é. Temos unhas vistas espectaculares mentres comes, porque ves a auga do río como se fose a do mar.

Por outra parte, tamén temos o turismo de seca en inverno, xa que coa baixada do caudal, pódense ver os restos da ponte románica de Paradela, que ten unha pedra que parece mármore e pódense observar os caneiros, a ponte de Portomarín…

Ademais, ao lado do noso restaurante, hai dúas rutas de sendeirismo que as persoas que queiran desfrutar do día poden facer: a ruta do Río Loio e a ruta Camiño Vello de Aldosende, que ten catro miradoiros para facer fotos para toda a vida.

A sorte que temos é que estamos no medio de dúas potenciais: Paradela e Portomarín, polos restos da igrexa e o pobo antigo. Así, apañamos un pouco de todo.

Era necesario un lugar como este en Paradela?

Eu creo que, sobre todo, lle dá un certo nome a Paradela, xa que é coñecida por varias cousas, pero sobre todo polos restaurantes, e axuda moito para asentar poboación, porque a xente que traballa comigo mercan no supermercado de Paradela, toman café en Paradela e viven aí. Gastamos diñeiro en Paradela e cando pechamos imos toda o equipo o 15 de decembro a comer o polbo á feira de Paradela. Inflúe moito nese aspecto, que se move a xente e axuda a crear economía en Paradela.

Que tipo de produtos ofrecen?

Hai cousas que teñen moita fama, como os chocos á prancha, o cordeiro está espectacular, o rape tamén é moi demandado moito para levar a casa o día da festa… Contamos con pratos ociosos para celíacos, veganos e vexetarianos, que agora está moi demandado. E tamén temos menú infantil.

Cales son os máis exitosos?

A anguía é a especialidade, e despois temos unha grella de leña onde facemos a carne, que ten moito éxito. A carne feita á brasa de leña que ten un sabor característico, e temos vaca Rubia Galega e Raza Vianesa autóctona de Galicia, que ten unha carne moi parecida á das cachenas, cunha carne moi filtrada de graxa e saborosa.

Hai menú e carta? E facedes pedidos por encargo e reservas?

Temos menú obreiro que inclúe bebida, primeiro e segundo prato, sobremesa, café e pan.

Ademais, vén xente todos os días que xa sabes onde se van sentar e é unha sorpresa porque aquí non hai nin fabricas nin colexios nin estradas importantes, pero normalmente de luns a venres temos 100 persoas comendo de menú todos os días, ademais doutras 30 que veñen diariamente de carta.

Vén xente da zona do Saviñao, do Páramo, de Taboada… onde hai poucos negocios e á xente gústalle comer. Que veñan a un sitio tan apartado é unha sorte.

Por outra parte, facemos pedidos por encargo, que é unha cousa que ten moito auxe. E tamén facemos reservas, porque os sábados e os domingos, se non reservas, non podes comer. Temos arredor de 400 clientes os sábados e 500 os domingos.

Organizan eventos?

Organizamos bautizos, comuñóns, algunha voda civil sen moita pretensión, xa que non temos unha leira grande; moitas comidas de empresas, celebracións familiares, vodas de prata ou de ouro… Só pechamos unha quincena en nadal e outra en xuño.

Con que instalacións contan?

Contamos cun comedor para 140 persoas e outro máis privado para 120 persoas, que ademais se pode acceder a el desde fóra, sen ter que entrar no comedor principal.

Ademais, temos unha terraza na que caben 200 persoas e unha leira cun parque infantil onde os nenos e nenas poden xogar, algo que suma moitos puntos para que os pequenos pasen un bo rato mentres os adultos están na mesa.

Como é o traballo?

Nós abrimos ás 12.00 horas da mañá e durante 10 meses, do 15 de setembro ao 15 de xullo, damos ceas só os xoves, os venres e os sábado, e do 15 de xullo ao 15 de setembro damos ceas todos os días agás os luns.

Pechamos por vacacións unha quincena en decembro e, despois de ter collido 15 días este ano e ver como reaccionaban os traballadores, colleremos 15 días en xullo.

Somos unha piña, 16 traballadores de luns a venres que botamos moitas horas xuntos e queremos levarnos ben, non andar reñendo. Por iso, ao ver caras de felicidade polas vacacións e que a xente que traballa con nós está contenta, decidín tomalo como tradición, xa que o resto do ano hai que animar os ombros e traballar moito de forma conxunta.

Por exemplo, aquí o bote das propinas utilízase para facer unha cea todos xuntos coas súas parellas, nenos, amigos… Reunímonos en total 40 ou 50 persoas e pagamos a cea con ese bote de propinas. Iso di moito dos empregados, que son como familia e é unha sorte coincidir con xente tan boa porque se non fora por eles non sería nada nin eu nin o restaurante.

O lugar de traballo debe ser un lugar ambiente de familiar e se volvera a montar o negocio volvería a chamalos a cada un por un, porque son marabillosos. É o grande orgullo que teño eu e iso nótano os clientes tamén.

Como é o trato cos clientes?

O trato cos clientes é moi próximo, eu levo 27 anos e, sen non coñeces a un, coñeces ao outro, sempre tes unha anécdota, coñeces a xente… É un trato cun cliente que repite moitas veces ao ano e, ao final, formas como unha pequena gran familia. Esa proximidade gusta moito e gústame tratar con ese tipo de clientes.

É un factor moi importante traballar, facelo ben, xa que ese cliente é como da túa familia, e por iso hai que tratalo ben. Pero tamén temos a sorte de estar aquí, nunha contorna privilexiada, aínda que teñan que facer quilómetros, xa que non é un local de paso, ten que vir.

Temos moita sorte cos nosos clientes porque hai moita xente que se esforza moito e non consigue o que temos nós.

Nós temos a anguía e hai poucos sitios onde poder comela e, como estamos rodeados de auga, e hai tradición da anguía de Portomarín, aínda que estamos en Paradela, veñen ata aquí, xa que estamos moi preto de Portomarín. Así, vén xente de todos os sitios para comer a anguía.