Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Reyes Fernández, fotógrafa sarriá: “O meu proxecto futuro é seguir traballando, evolucionando e creando”

Por 10 Febreiro, 2024Febreiro 11th, 2024Sin comentarios

Falamos con Reyes Fernández, fotógrafa sarriá que vén de quedar finalista no certame International Wedding Photographer of the Year (IWPOTY).

De onde vén o seu amor pola fotografía?

Pois supoño que da combinación de diferentes factores, entre eles o feito de que son moi sociable e por iso gústame moito estar rodeada de xente, de balbordo, de alegría; e na maioría dos nosos eventos temos moito diso: alegría de parellas que casan, emoción e xogos de nenos en bautizos e comuñón, diversión coas nosas parellas en prevodas e outro tipo de sesións… Considérome unha persoa bastante empática e a fotografía en parte consiste niso, en capturar as emocións.

Outro dos motivos é o meu amor pola natureza, polas paisaxes, polo mar… que son moitas veces os outros grandes protagonistas da miña fotografía.

Ten algo que ver co lugar de onde vén, Sarria?

Un dos motivos principais de que eu me dedique a isto foi indudablemente a profesión do meu pai e meu avó, tamén fotógrafos e fundadores de Júpiter. Meu avó foi o primeiro fotógrafo da familia, e polas súas mans pasaron moitas das fotos de vodas e incluso moitas das dos carnés de identidade dos nosos veciños da comarca de Sarria.

Pouco máis tarde uniuse meu pai á profesión e tamén ao negocio que xa se estaba a converter no “negocio familiar”. Coa súa chegada aportou, como pasa en todas as artes, que son viventes e cambiantes;  frescura e unha nova perspectiva ás fotografías e ao xeito de traballar. E nese ambiente criámonos, entrando e saíndo polo estudo, vendo a ilusión dos clientes, charlando coa xente, escoitando.

Como comezou a súa andaina na fotografía?

Ver o traballo do meu pai  e meu avó sempre me gustou, e chegada unha idade espertou o meu interese por aprender a facer o que eles facían e fundilo con outras inquedanzas que eu tiña, como viaxar e coñecer o mundo, e ser capaz de capturar as cousas que hai nel. Así, comecei a practicar, a aprender e a colaborar con el nos traballos e ata o día de hoxe.

No camiño, fixen cursos e seminarios para beber de diferentes fontes, falar cos compañeiros de profesión é tamén algo moi valioso para o camiño de aprendizaxe, que facemos, que non remata nunca, pois isto é un traballo moi cambiante. Pero, dende logo, a constante sempre foi seguir os pasos de meu pai, ao que lle agradezo de todo corazón por terme ensinado tanto.

Na actualidade, fotografou algún lugar de Sarria que cre que mereza a pena ensinar?

Cando comecei coa fotografía practicaba a miúdo por Sarria. O meu lugar favorito para perderme coa miña cámara era o paseo das Aceas. Aínda que a retrato menos do que debera, penso que moitas veces cometemos o erro de esquecernos de retratar o cotián, o noso día a día. A nivel laboral si que é frecuente que faga sesións en Sarria e a súa contorna, especialmente sesións infantís.

Foto finalista no certame internacional International Wedding Photographer of the Year (IWPOTY)

Que motivos adoita fotografar e por que?

Non sabería dicir cal é a miña temática favorita, pois gústame a fotografía en xeral. Encántame levar a miña cámara ás viaxes e retratar diferentes culturas e paisaxes.

Traballando tamén desfruto moito, son consciente de que estou a crear un recordo dalgún momento importante para alguén, involúcraste e conectas coa xente para tentar que todo saia sempre o mellor posible.

Cantos premios recibiu polas súas fotografías? Cales foron e con que motivo?

Tiven sorte, dende 2017 ata este ano levo 16 fotografías finalistas e unha mención de honra. Cando presento algunha fotografía a un certame, tómoo como un reto persoal. Tamén creo que é unha forma de dar a coñecer o meu traballo dada a repercusión que teñen este tipo de certames.

Quedei finalista varios anos con diferentes fotografías no certame nacional de vodas UNIONWEP e recibín unha mención de honra e unha nominación no certame internacional B&W CHILD PHOTO COMPETITION.

A maior alegría foi quizais a deste ano, ao quedar finalista no certame internacional International Wedding Photographer of the Year (IWPOTY). Quedei de finalista na miña categoría entre fotógrafos moi coñecidos a nivel internacional, como por exemplo The Kitchens, Fabio Mirulla ou The Apartment Photo.

Como se sentiu ao sabelo?

Nerviosa, estaba traballando e cando recibín a noticia desconcertoume totalmente. Sabía que aquela fotografía tiña algo especial, pero non me imaxinaba que podería ser unha das finalistas nun certame tan importante a nivel internacional no sector nupcial.

Que proxectos de futuro ten por diante?

O proxecto máis próximo co que estou bastante ilusionada é unha editorial que estou organizando para febreiro coa deseñadora galega Sara Lage, xunto con Guirnalda, Iria Carro e Ana Vilar. É un equipo de grandes profesionais e espero poder estar á altura para reflectir os seus marabillosos traballos.

O nerviosismo de estar á altura sempre viaxa comigo na mochila da cámara a todos os meus traballos. O proxecto futuro é seguir traballando, evolucionando e creando.