Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación aproba investimentos en tres estradas da rede provincial

Por 9 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou este venres investimentos de máis de 1,2 millóns de euros para seguir mellorando a rede de estradas provinciais. Tal e como explicou a Voceira socialista, Pilar García Porto, a Deputación de Lugo licitou unha obra para acondicionar un novo tramo do Cinto Comarcal ao seu paso polos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte; o inicio da LU-P-1702 que conecta en Cospeito Feira do Monte e Fontefría; e un treito da LU-P-2913 que comunica Lugo e Guntín desde a parroquia de Coeses ata Terlama, en Ferroi.

Concretamente, a Deputación de Lugo investirá practicamente 900.000€ na renovación do firme de 7 quilómetros da LU-P-1611, coñecida como o Cinto Comarcal, ao seu paso polos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte. Unhas obras que terán un prazo de execución de tres meses dende o seu inicio, e que consistirán na mellora da drenaxe, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización no treito que vai do punto quilométrico 49,935 ao 57,150. Un proxecto “importante” que “aumentará a seguridade da vía e a comodidade dos numerosos condutores que a diario circulan por ela”.

Ademais, a Xunta de Goberno licitou por máis de 112.000 euros unha obra para rehabilitar o firme doutro tramo da LU-P-1702, que conecta Feira do Monte e Fontefría, en Cospeito. Os traballos, que afectarán a un tramo de 1,3 quilómetros ao inicio da estrada, terán un prazo de execución de 2 meses, e consistirán na limpeza das cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización mediante marcas reflexivas brancas.

No capítulo de estradas, García Porto deu conta ademais da licitación por máis de 240.000 euros dun contrato para a mellora de 4 quilómetros da LU-P-2913, a estrada que une a parroquia de Coeses, no concello de Lugo, e o lugar de Terlama, no municipio de Guntín. Uns traballos que teñen un prazo de execución de 2 meses e que consistirán na apertura de cunetas, na mellora do firme con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical no treito que vai do punto quilométrico 4,230 ao 8,259.

Plan Anual de Contratación

Tamén se aprobou o Plan Anual de Contratación da Deputación de Lugo para este ano 2024, un documento de obrigada elaboración, segundo establece a Lei de Contratos do Sector Público, que fai unha previsión estimativa dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano. “Un documento de traballo, que reflicte a capacidade de planificación, de xestión e de transparencia deste Goberno”, segundo explicou García Porto, e que prevé que a Deputación sacará adiante neste ano contratos por un importe total que supera os 33M€, “unha cifra, en todo caso, estimativa”.

Aseos portátiles para Ombreiro, o Rato e Paradai

A Xunta de Goberno aprobou ademais a contratación da subministración, en réxime de arrendamento, de cinco aseos portátiles que se instalarán no entorno dos paseos de Ombreiro, Paseo do Rato e Paradai. O investimento da Deputación para a dotación deste servizo, que inclúe tamén a limpeza diaria e o mantemento destas cabinas sanitarias, é de 96.000 euros e a duración do contrato, de 4 anos.

Impulsa TIC

A Voceira socialista do Goberno deu conta da licitación, por un importe de máis de 1,3 millóns de euros, de 4 novos lotes para o subministro de servizos e equipamentos tecnolóxicos que a Deputación proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC da institución provincial para avanzar na transformación dixital e, desta forma, prestar un mellor servizo público á veciñanza.

En concreto, o material servirá para dotar de equipos informáticos á oficina de asistencia en materia de rexistro; subministrar e instalar tablets e software para recoller a firma biométrica; subministrar e instalar os escáners de mesa e o software que permite converter as imaxes de texto en datos de texto, o que permite optimizar as operacións con formularios ou facturas; e subministrar postos intelixentes, que facilitarán a mobilidade dos traballadores coa instalación de equipos portátiles que simplificarán tamén o teletraballo.

A Deputada informou de que está previsto que nas vindeiras semanas a institución aprobe a licitación de servizos e equipamentos polo investimento restante, para completar o total dos 4,5M€ cos que está dotado o proxecto que financia a Deputación cos fondos que conseguiu da Unión Europea, e que logo se procederá a subministración dos materiais aos concellos.

Raza Rubia Galega

Finalmente, a Xunta de Goberno tamén aprobou o informe xustificativo de Acruga sobre a entrega de 200.000 euros en axudas da Deputación no ano 2022, destinadas á promoción e potenciación de vacas reprodutoras de Rubia Galega nas explotacións da provincia de Lugo.