Skip to main content
Cospeito

O PP denuncia que o Goberno da Deputación ten abandonado o polígono de Cospeito

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, e o deputado provincial e alcalde de Cospeito, Armando Castosa, mantiveron un encontro con empresarios de Cospeito para analizar a situación do polígono industrial deste municipio.

Armando Castosa pide ao goberno provincial “o desbloqueo inmediato” do polígono industrial do municipio que “PSOE e BNG manteñen secuestrado” dende hai 17 anos e pide que se desbloquee e se entregue ao concello para que poidan comercializarse as parcelas “moitas delas xa reservadas por empresarios do municipio, que non teñen nin parcela nin os cartos da fianza”.

O proxecto do polígono industrial de Cospeito comeza en xuño de 2005, cando a Deputación de Lugo, Suplusa e o propio concello asinan un convenio de colaboración para desenvolver esta zona industrial.

Entre 2005 e 2007 realízase o plan de sectorización por parte do Concello de Cospeito e aprobouse, o primeiro paso para poder desenvolver esta zona, “cun goberno do PP apoiando dende o primeiro intre o proxecto” pero coa chegada do PSOE á Deputación en 2007 “paraliza todo”.

Baixo a presidencia de Gómez Besteiro, entre 2007 e 2015, houbo tres xuntanzas entre Concello de Cospeito e a Deputación de Lugo para avanzar no proxecto nas que “sempre nos dixeron que estaba todo solucionado e que en 15 días comezaría todo a funcionar de novo, pero nos 8 anos de Besteiro nada se fixo”.

Nos seguintes anos, con outros presidentes á fronte da Deputación “máis do mesmo”. Os únicos avances prodúcense cando hai un cambio de dirección en Suplusa e, grazas á iniciativa do PP, “Suplusa comeza a impulsar o polígono, mentres dende a Deputación o torpedearon”.

En 2018 comeza a obra a urbanización do polígono e prodúcense as primeiras reservas de parcelas. “Véndense entre os empresarios do municipio e polo menos 8 deles adiantan cartos en 2018 en concepto de reserva das parcelas para a súa posterior compra”. “A realidade é que case unha decena de empresarios de Cospeito depositaron miles de euros ante a Deputación hai 6 anos para a reserva das parcelas e a día de hoxe nada teñen, nin cartos nin parcela”, denuncia.

Armando Castosa denuncia que esta non foi “a única perda que tivemos que asumir dende o Concello e os empresarios do municipio” xa que se perdeu unha subvención de 300.000 euros para un viveiro de empresas no polígono porque a Deputación non puxo a parcela unha disposición. “A Deputación boicoteou a construción dun viveiro de empresas no polígono de Cospeito (financiado pola Xunta) a pesar de que legalmente era viable e posible. Todo por non dar unha autorización”, lamentou.

O alcalde de Cospeito e deputado provincial ofrece a máxima colaboración e lealdade institucional e indica que se a Deputación de Lugo é incapaz de desbloquear a posta en marcha do polígono “eu comprométome a dar o impulso necesario e o financiamento oportuno onde sexa necesario para garantir a posta en marcha do polígono”.

Pola súa banda, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que Cospeito ten o polígono paralizado dende hai 17 anos por culpa do PSOE e o BNG. “Non podemos admitir leccións nin promesas do candidato á Xunta do partido socialista nin do presidente da Deputación cando levan 17 anos boicoteando o polígono industrial de Cospeito e moitos outros ao longo da provincia”, sinalou.

“É absurdo e unha broma de mal gusto escoitar ao candidato do partido socialista á Xunta de Galicia que vai a impulsar o desenvolvemento industrial cando en 8 anos foi incapaz de poñelo en marcha, como tampouco o foron se sucesivos gobernos de perdedores da Deputación de Lugo”, rematou.