Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXACospeitoLourenzáMonterrosoXermade

Xestur ofrecerá bonificacións nas parcelas de oito polígonos industriais lucenses

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Galicia porá este ano á disposición do tecido empresarial interesado en implantarse na Comunidade case 1 millón de metros cadrados de solo urbanizado en 39 polígonos das catro provincias e con bonificacións sobre o prezo de venda de ata un 50 %. Desta superficie total, a empresa pública Xestur ofertará 517.808,51 metros cadrados a través dun concurso público que se convocará este mes de febreiro e o resto, xa está en fase de comercialización ou sairá ao mercado nos próximos meses.

O Consello coñeceu un informe da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre as bonificacións que se ofrecen no prezo de venda das parcelas de solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur, uns incentivos grazas aos cales se estima que, en caso de venderse a totalidade da superficie dispoñible este ano, os adxudicatarios se beneficiarían de descontos por un importe superior aos 34,5 millóns de euros.

Deste xeito, as empresas asentadas xa en Galicia ou aquelas interesadas en desenvolver novos proxectos industriais nos polígonos da Xunta poderán acceder a 940.666 m2 de solo urbanizado repartidos entre un total de 385 parcelas e coa posibilidade de solicitar unha bonificación equivalente ao 50 % do importe de venda dos terreos (no caso dos parques das provincias de Lugo e Ourense e nos situados na Costa da Morte, Ferrolterra e na fronteira con Portugal) ou ao 30 % (no resto de polígonos).

Máis concretamente, o Consello de Administración de Xestur acordou que antes de que remate febreiro convocará un concurso público para a adxudicación dun total de 517.808,51 m2 de solo empresarial repartidos entre 252 parcelas pertencentes a 19 polígonos. Entre eles atópanse as 12 parcelas de Muimenta, que ocupan 10.942 metros cadrados.

A esta superficie hai que engadir a previsión de que, ao longo de 2024, Xestur saque un segundo concurso para comercializar outros 103.657 metros cadrados nas fases IV e V o polígono lucense das Gándaras, terreos que se atopan actualmente en urbanización.

Ademais, o solo industrial da Xunta que estará dispoñible en Galicia ao longo deste ano complétase tamén coa superficie urbanizada existente nos polígonos propiedade do IGVS, que ten previsto convocar antes de que remate 2024 o seu propio concurso público. En concreto, porá á disposición do tecido empresarial un total de 255.402,67 metros cadrados repartidos entre 90 parcelas localizadas en 18 parques. Dentro deste grupo figuran os case 100.000 metros cadrados que hai na provincia de Lugo. O espazo maior ocúpano Monterroso con 22 parcelas e 39.403 metros cadrados. Hai tamén 12 no Porto Seco de Monforte, 8 en Xermade e 6 en Lourenzá. A estes súmanse 5 parcelas en Tabaoda, 3 en Quiroga e 1 en Bóveda.