Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol acolle catro xornadas de cine rural este mes

Por 7 Febreiro, 2024Febreiro 8th, 2024Sin comentarios

Esta semana fíxose a presentación das Xornadas de Cine Rural de Friol, por parte de Jesús Rodríguez Rodríguez (profesor da USC) e Ángeles Buján (concelleira do Concello de Friol)

Durante os meses de febreiro e marzo o concello de Friol poderá desfrutar de catro tardes de sábado de cine, grazas ás Xornadas de Cine Rural que o concello organiza en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, representado neste caso polo veciño de Friol Suso Rodríguez.

Estas xornadas levaranse a cabo os sábados 17 de febreiro, e o 2, 9 e 16 de marzo, dando comezo todas elas ás 18.00 horas, no salón de actos do Centro Sociocultural.

Na primeira das xornadas, o sábado 17 de febreiro, poderá visualizarse o documental Cóntame un Mundo, traballo gravado en Friol, no mes de xullo do pasado ano, cos veciños e veciñas. Este é un proxecto que pon no centro a tradición e a transmisión oral entre as xeracións e sectores distintos dunha comunidade local. Foi un traballo coas narradoras orais e artistas escénicas Raquel Queizás, Alba de Vales, Carmen Domech e Olga Abad.

Na segunda xornada, o sábado 2 de marzo, proxectarase O toxo na nosa cultura, documental no que, grazas ao seu testemuño, podemos entender o proceso de traballo arredor do toxo, que comprendía dende a súa recollida no monte ata o seu procesado nos fogares, onde servía para quentar as cociñas e fornos pero tamén para o sustento e cama do gando.

Durante a terceira xornada, o 9 de marzo, visualizarase Os segadores da Órrea en terras de Castela, documental que recolle o testemuño de trinta e un veciños da parroquia da Órrea, que se desprazaban nos meses do verán a Castela para realizar traballos de sega; unha migración de tempada que miles de galegos protagonizaron ao longo de trescentos anos e que perdurou ata os anos 60 do século XX.

E para rematar con estas xornadas de Cine Rural, o sábado 16 de marzo, proxectarase O Empalme. Unha historia rural colectiva, documental dun marcado carácter intimista, que realiza un percorrido pola historia dun dos barrios de Cabreiros, o barrio do Empalme. No contido deste traballo audiovisual pode contemplarse como era o xeito de vida de hai 50 anos dun barrio claramente rural. Entre os aspectos especialmente presentes encóntrase o desenvolvemento das actividades agrarias, as profesións de moitos dos seus veciños e veciñas e as actividades lúdicas comúns no seu vivir diario, así como a súa íntima relación coa vida laboral, a familia, a escola…

O alcalde popular, Jose Ángel Santos, sinalou a importancia de esta iniciativa “para continuar apoiando a cultura e levando a cabo iniciativas que axuden a promover a vida social e cultural dun concello rural como é Friol”. Coa proxección de estes catro documentais, sinala, “que tanto teñen que ver con calquera concello do interior de Galicia, axudamos tamén aos mais novos a ver como se facían antes certos traballos, e ás persoas non tan novas, a recordar o que foi parte da súa vida e da súa xuventude”.